publicidade hoxe

A Xunta avanza na análise dos custos e prezos dos principais sectores produtivos no marco do Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá na primeira reunión no marco da posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia. O instrumento -creado en virtude do acordo de colaboración subscrito entre o Instituto Galego do Consumo e da Competencia -dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovacción-, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar- ten como principais finalidades mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, procurar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os diferentes operadores e fortalecer o sector produtor, con vistas a conseguir uns prezos xustos, que cubran sempre os custos de produción.

Na súa intervención, o conselleiro apuntou que o Observatorio vai centrar os primeiros esforzos nos sectores clave da nosa industria alimentaria, facendo especial incidencia na protección dos produtores, o elo máis feble da cadea, para que poidan negociar mellor os seus contratos de venda e acaden un prezo que lles permita cubrir custos cunha marxe de beneficio. Así, impulsaranse informes sobre custos e prezos nos eidos do leite, da carne de vacún, da uva ou da pataca, sen esquecer outras producións como o porco celta, a ovina-caprina, a castaña ou a mazá de sidra.

Na planificación do Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia tamén se contemplan informes sobre a caracterización e evolución dos principais sectores produtivos, así como outros ligados á innovación, á sostibilidade ou á dixitalización. Tamén se prevén estudos sobre as actuacións inspectoras ou de control de prácticas comerciais desleais, sobre a formación de prezos ao longo da cadea en determinados eidos e mesmo contratos tipo para a contratación alimentaria en diferentes sectores produtivos, co obxectivo de introducir maior transparencia nas relacións comerciais e dar cumprimento á Lei da cadea alimentaria.

Nesa liña, José González fixo fincapé en que o novo Observatorio ten -entre os seus obxectivos- calcular os custos de produción dos distintos produtos alimentarios, realizar un seguimento sistemático da formación dos prezos finais dos alimentos de orixe agraria e marítima ou analizar a estrutura básica dos prezos e os factores causantes da súa evolución na produción e no consumo. Tamén persegue elaborar informes periódicos sobre as distintas ramas produtivas que compoñen o sector agroalimentario galego e levar a cabo accións que favorezan o diálogo e a intercomunicación entre os axentes da cadea de valor, entre outras funcións.

Momento clave

O conselleiro puxo de relevo que a posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia se produce nun momento crucial para o agro galego, xa que vén véndose afectado polo incremento dos custos de produción das explotacións, agravado tras a invasión rusa de Ucraína. Nesa dirección, a Consellería do Medio Rural, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, xa levou a cabo un amplo estudo sobre os prezos e os custos de produción no sector lácteo, así como no ámbito da IXP Ternera Gallega, en concreto dos produtos certificados co selo Ternera Gallega Suprema. En ambos casos, constatouse unha situación de venda a perdas xeneralizada.

Nese contexto, a Xunta promoveu un protocolo de entendemento histórico entre todos os elos da cadea de valor cárnica, para fomentar que todos os axentes -especialmente os gandeiros, os máis vulnerables- reciban un prezo superior ao dos custos de produción, garantindo unha necesaria marxe de beneficio.

Tamén se asinou un convenio de colaboración co consello regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne de vacún de Galicia para mobilizar 1,4 millóns de euros nunha campaña de promoción, fomento e difusión da carne de vacún de Ternera Gallega Suprema. Deses cartos, a Xunta aportará a metade e o consello regulador os outros 700.000 euros.

29 de xullo de 2022 | 14:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.