publicidade hoxe

A Xunta aposta polo persoal farmacéutico para axilizar a renovación das receitas dos pacientes crónicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O responsable da sanidade pública galega, Julio García Comesaña, visitou hoxe aos novos farmacéuticos que prestarán apoio dende A Estrada, na Central do 061, aos centros de saúde que máis o precisen para axilizar a renovación das receitas dos pacientes crónicos. Onte comezaron a traballar tres, e a semana próxima serán cinco.

Na súa visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, así como pola directora do 061, Adriana Regueira, o conselleiro remarcou que os orzamentos da Xunta deste ano recollen a creación de 28 novas prazas de farmacéuticos de atención primaria, “profesionais que se foron contratando polas áreas sanitarias ao longo dos últimos meses e que, dende maio, xa están a traballar nos centros de saúde. Se o ano pasado había 72, neste momento hai xa 100 farmacéuticos de primaria contratados na sanidade pública galega”, -remarcou Comesaña-.

Este incremento de farmacéuticos de primaria vai fortalecer a colaboración co profesionai de referencia do paciente no proceso de xeración de receitas de tratamentos crónicos para, deste xeito, “garantir a adecuada continuidade do tratamento farmacolóxico e, ademais, posibilitará liberar ao persoal médico desta tarefa, ante a escaseza de médicos que estamos a vivir este verán, independentemente das revisións que poida facer destas renovacións cando así o considere”, -subliñou o conselleiro-.

Grazas a esta incorporación de novos farmacéuticos, a poboación con tratamentos crónicos que vexa que non dispón de ocos de receita co seu médico nos próximos días, e que necesite renovar o seu tratamento, pode xa solicitar directamente esa consulta de receitas co farmacéutico do seu servizo de atención primaria. Máis aló deste sistema xeral para toda Galicia, “a Xunta habilita este segundo recurso na Central do 061 no concello da Estrada, para garantir de xeito áxil a renovación de tratamentos crónicos daqueles centros que están a ter sobrecarga por esa falta temporal de profesionais”, que atenderán esas solicitudes de renovación que os centros non poidan resolver en menos de catro días, nin co persoal médico nin co farmacéutico.

Tal e como explicou Comesaña, “será o persoal administrativo destes centros o que se encargue de xestionar, cando o paciente así o demande, a cita con este servizo central de farmacia de atención primaria”.

Déficit de especialistas

Este novo dispositivo da Estrada é un avance máis enmarcado no proceso de reforma da atención primaria no que está a traballar dende hai anos o Goberno galego, e que supón entender o traballo do centro de saúde “como unha tarefa en equipo, que ten que ser multidisciplinar e coordinado, para dar unha mellor asistencia ao paciente e para poder facer actuacións reais de mellora da saúde comunitaria”.

Polo tanto, -dixo o conselleiro-, “temos que seguir incorporando todas as reformas organizativas precisas para optimizar a todo o persoal co que conta a atención primaria e que pode e debe ofrecer ao paciente unha atención máis integral e máis áxil”.

Comesaña remarcou que a Xunta inviste hoxe en persoal de atención primaria 100 millóns máis ao ano do que se investía no 2009, e que segue a traballar en facer fronte ao déficit de especialistas en medicina familiar e comunitaria coa convocatoria de prazas nas mellores condicións posibles naqueles centros de máis difícil cobertura; duplicando nos últimos cinco anos as prazas formativas que Galicia ofrece para esta especialidade; e reclamando ao Goberno de España, xunto a outros gobernos autonómicos, que “tome as medidas da súa competencia para aumentar e acelerar ao máximo a oferta formativa de máis especialistas de medicina de familia”.

28 de xullo de 2022 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.