publicidade hoxe

A Xunta anuncia a rehabilitación integral do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, en Dodro, cun investimento de máis de 1,4 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDodroGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou, esta mañá, que a Xunta de Galicia vai acometer unha rehabilitación integral do colexio CPI Eusebio Lorenzo Baleirón que suporá un investimento de máis de 1,4 millóns de euros.

No encontro o representante do Goberno galego deron conta dos pormenores da actuación, que se licitará en breve, e que suporá unha renovación integral de todo o edificio mellorando a súa eficiencia enerxética e a comodidade para os seus usuarios.

Segundo explicou Trenor a intervención recolle a renovación de todo o envolvente da edificación: fachadas, cubertas e carpinterías; a substitución de todas as instalación de luminarias e a mellora da accesibilidade coa construcción de novas rampas e renovación de pasamáns. Ademais, está prevista a execución dunha pérgola na zona de acceso e a substitución da pérgola existente entre o edificio de primaria e secundaria.

A obra tamén contempla actuacións no interior do inmoble, coa reforma dos aseos de primaria e coa renovación da biblioteca actuando para que os espazos sexan máis iluminados e ventilados e renovando o chan.

A intervención completarase co pintado completado do centro e coa mellora do revestimento no patio cuberto central. Tamén está prevista a substitución dos falsos teitos no interior, nos patios exteriores e no porche do edificio de primaria.

Isto, segundo explicou o delegado, vai aliñado co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia que ten como obxectivo principal impulsar novos espazos escolares “máis innovadores, sostibles e confortables, acordes cos novos retos de futuro da educación”.

21 de xullo de 2022 | 14:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.