publicidade hoxe

A Xunta amplía ata os 2,8 M€ as axudas a particulares para mellorar a imaxe exterior de inmobles en resposta á boa acollida da convocatoria deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta de Galicia amplía nun total de 1, 2 millóns de euros, ata chegar a un total de 2,8 M€, o orzamento reservado este ano á orde de axudas a particulares xestionada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) para actuacións que permitan corrixir e mellorar o aspecto exterior de vivendas e edificios deteriorados polo paso do tempo e por unha insuficiente conservación, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente toma esta decisión tras a boa acollida que tiveron entre os potenciais beneficiarios estas axudas —convocadas en xaneiro por segundo ano consecutivo—, polo que con este incremento se pretende atender o maior número de solicitudes posibles. Non obstante, esta ampliación de crédito non implica que se poidan presentar novas solicitudes, posto que o prazo rematou xa a finais de febreiro.

Preto de medio milleiro de beneficiarios

Cómpre lembrar que o ano pasado a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos saldouse con preto de medio milleiro de beneficiarios —445 familias— nun total de 178 concellos de toda Galicia.

En vista do éxito da primeira convocatoria, a Xunta decidiu convocar de novo este ano esta liña de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas e a contorna paisaxística.

20 de xullo de 2022 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.