publicidade hoxe

A Xunta alerta de que a proposta do Goberno central para as escolas infantís pode deixar sen praza a unhas 2500 familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Jacobo Rey na reunión con responsables do Ministerio de Educación

Jacobo Rey na reunión con responsables do Ministerio de Educación

A Xunta advirte de que a proposta do Goberno central de reducir a ratio de alumnos por unidade pon en risco a continuidade de numerosas escolas infantís, xa que suporía suprimir unhas 2500 prazas de 0 a 3 anos que están hoxe en funcionamento e deixaría a todas esas familias sen praza. Así o sinalou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, que esta semana participou nunha reunión con responsables do Ministerio de Educación e Formación Profesional na que se abordou o proxecto do novo Real Decreto que modifica os requisitos que deben cumprir os centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria.

Ademais, o director xeral explicou que hai escolas infantís en funcionamento en Galicia que non terían capacidade física para poder adaptarse ás novas esixencias que establece a proposta do Goberno central. Así mesmo, apuntou que se obrigaría a contratar máis persoal, sen que se destinen os recursos económicos necesarios para facelo.

A proposta trasladada polo Goberno central tamén suporá unha redución de prazas nos 62 Puntos de atención á infancia (PAI) de Galicia, que dan unha cobertura imprescindible aos concellos pouco poboados e que tamén perderían como mínimo o 10% das súas prazas.

Inseguridade para o sector e as familias

O Executivo autonómico lamenta a inseguridade que está a provocar no sector e nas propias familias a proposta impulsada pola ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, e que non fora previamente dialogada coas Comunidades Autónomas.

A Xunta, na liña doutras Comunidades Autónomas, vai presentar alegacións á proposta do Ministerio para garantir que as familias galegas usuarias das escolas infantís non se vexan afectadas por este proxecto.

22 de xullo de 2022 | 14:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.