A mellor maxia do mundo chega aos principais teatros de Galicia entre o 1 de agosto e o 15 de outubro
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor,recibiu aos organizadores do festival “Galicia Ilusiona”, Dani Polo e Pedro Bugarín, que traerá aos mellores magos do mundo a nosa comunidade entre o 1 de agosto e o 15 outubro.
O delegado da Xunta destacou que estamos ante un proxecto pioneiro, un festival de ilusionismo que abranguerá toda a comunidade autónoma galega e que pretende ser un referente dentro do mundo da maxia.
Os organizadores agradeceron o apoio que recibiron por parte da Xunta de Galicia para facer realidade este proxecto que se inclúe dentro da programación do Xacobeo.
No encontro explicaron algunhas das propostas estrelas do festival como serán as galas de maxia internacionais nas 7 grandes cidades galegas, os retos de maxia extrema en localizacións emblemáticas tamén nas principais cidades da comunidade, os espectáculos de maxia nas unidades de pediatría dos principais hospitais galegos e ademais levarase a cabo unha xira de maxia na rúa con espectáculos en máis de 100 concellos de Galicia.
Na cidade da Coruña o Desafío Extremo terá lugar o 6 de agosto no Parrote e o Gala de Maxia o 10 de setembro en Palexco.
En total terán lugar 220 actuacións con máis de 30 artistas e concretamente, na provincia da Coruña estes espectáculos chegarán a 33 concellos, e na comarca da Coruña, ademais da cidade, aos concellos de Culleredo, Sada, Cambre, Arteixo, Betanzos e Oleiros.
Trenor animou a todos os galegos a descubrir o amplo programa porque “teremos a oportunidade de poder ver nos principais teatros de Galicia a mellor calidade posible e os números máis premiados e recoñecidos por ilusionistas de todo o mundo. Para consultar toda a información e compra de entradas en: www.galiciailusiona.es