publicidade hoxe

A axilización dos trámites permitirá iniciar antes de que remate o verán a estación de autobuses intermodal da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do contrato

Ethel Vázquez na sinatura do contrato

Ethel Vázquez salientou hoxe que a axilización dos trámites permitirá iniciar antes de que remate o verán as obras da nova estación de autobuses intermodal da Coruña, un gran centro de transporte público con case 40 millóns de euros de investimento.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o secretario xeral da Consellería de Infraestruturas, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, asinou hoxe o contrato das obras de execución da terminal de autobuses, do aparcadoiro e dos elementos comúns da intermodal.

Trátase da sinatura do contrato que vai permitir materializar un investimento de 37,8 M€ na cidade da Coruña para construír un gran centro de transporte público e levar a cabo unha importante intervención de integración e ordenación urbana.

Vázquez Mourelle puxo en valor que en menos de 4 meses non só foi posible que as obras estean adxudicadas, senón que está tamén asinado o contrato coa UTE COMSA-Taboada y Ramos, que se encargará dos traballos.

Sinalou que esta axilización de prazos reflicte o carácter prioritario que o Goberno galego concede ao proxecto da estación intermodal da Coruña e vai permitir iniciar as obras antes do previsto, antes de que remate o verán.

Congratulouse polos avances neste proxecto no que os empregados públicos levan máis de 7 anos traballando ao atoparse con atrancos do anterior goberno municipal e lentas tramitacións do Ministerio de Transportes. Isto, lembrou, obrigou a licitar dúas veces a redacción do proxecto e agardar para asinar os convenios da colaboración administrativa.

Coa construción da nova estación de autobuses será posible facilitar o intercambio áxil e seguro entre os dous medios de transporte, autobús e tren, achegando a clave da intermodalidade.

A conselleira indicou que será unha nova estación de autobuses, moderna e accesible, que se desenvolverá de forma paralela á avenida da Sardiñeira e ás vías do tren e que contará con dous niveis.

A terminal contará con 20 dársenas de operación e con outras 20 de regulación no aparcadoiro, terá un total de 26.630 m², cun edificio de viaxeiros de 2.500 m² e un aparcadoiro de 325 prazas ao servizo dos viaxeiros e dos veciños da cidade.

Detallou que nun nivel superior se emprazarán, á mesma cota, o edificio de viaxeiros e as dársenas dos autobuses, e no que se situará, tamén, a pasarela peonil de comunicación coa avenida do Ferrocarril.

No nivel inferior, a cota variable, estará o aparcadoiro para turismos, a zona de comunicación peonil coa estación ferroviaria e as dársenas de regulación de autobuses.

O acceso peonil poderase realizar tanto desde a avenida da Sardiñeira, como desde a pasarela que procede da avenida do Ferrocarril, como desde a zona de conexión coa estación de ferrocarril e o aparcadoiro.

Os autobuses accederán por un ramal da glorieta que o Concello debe construír na avenida da Sardiñeira, e os turismos poderán acceder ao aparcadoiro desde esa glorieta ou ben desde a do Ferrocarril, a través dun túnel baixo a estación de San Cristovo.

Destacou que as actuacións previstas, no seu conxunto, levarán aparellados preto de 700 postos de traballo.

As intervencións contan con financiamento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea-fondos Next Generation.

26 de xullo de 2022 | 15:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.