publicidade hoxe

Galicia aposta por reforzar o papel das organizacións rexionais de pesca na futura política pesqueira común

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe en Vigo a necesidade de que a futura Política Pesqueira Común (PPC) reforce o papel das Organizacións Rexionais de Pesca (ORP) co fin de impulsar a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira.

Así o expuxo durante a xornada A dimensión exterior da Política Pesqueira Común: Galicia no marco internacional pesqueiro que se celebrou a bordo do buque Golden Chicha e na que tamén participou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

Alí a conselleira tamén subliñou que a cogobernanza global é un dos cinco eixos estratéxicos do ditame de Galicia -elaborado no seo do Consello Galego de Pesca- de cara á revisión da PPC. Nesta liña, salientou a necesidade de adecuar a normativa a un marco de seguridade xurídica común que respecte as singularidades das rexións pesqueiras.

Ao mesmo tempo, destacou como escenarios clave para defender os intereses das distintas rexións o foro sobre a PPC organizado hai uns días en Bruxelas pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, no que Galicia estivo presente, e o evento organizado pola Consellería do Mar e a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) a principios de mes na Coruña.
Os outros eixos que marca a estratexia galega e que lembrou Rosa Quintana son: unha política pesqueira común social e de futuro, un comercio pesqueiro xusto, unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade e a adaptación ao cambio climático.

Con eles, especificou Rosa Quintana, Galicia marca distintas liñas como a necesaria renovación da frota pesqueira, especialmente da artesanal, ampliando o tamaño das embarcacións e introducindo tecnoloxías verdes a bordo para permitir mellores condicións de traballo e facilitar a necesaria remuda xeracional no sector.
A xornada A dimensión exterior da Política Pesqueira Común: Galicia no marco internacional pesqueiro está organizada pola Consellería do Mar con motivo do Día Marítimo Europeo. O obxectivo é achegar o potencial da actividade pesqueira ao cidadán e aos profesionais do sector.

Consello Galego de Pesca

O debate sobre a futura revisión da Política Pesqueira Común e o ditame de Galicia sobre este asunto son cuestións que tamén se abordarán na reunión do Consello Galego de Pesca que se celebra esta tarde en Vigo. Estará presidida pola conselleira do Mar e nela tamén participará o deputado do Parlamento Europeo Francisco Millán Mon.

Outros temas que se tratarán nesta xuntanza serán os debates entre o Parlamento Europeo e o Consello sobre a proposta de regulamento de control da pesca e o informe que cuantifica o impacto da proposta de limitación de pesca de fondo na frota artesanal galega. Esta análise foi presentada a finais de abril por parte da Xunta a distintos representantes da Comisión Europea. O documento constata que as restricións para artes que teñen contacto co fondo ameazan máis do 20% dos buques de artes menores de Galicia e un terzo do emprego directo desta frota.

17 de xuño de 2022 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.