publicidade hoxe

A Xunta pon en marcha un sistema estrutural de mando operativo para mellorar a seguridade e a eficacia na extinción de incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG)

Reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG)

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu esta mañá xunto co conselleiro do Medio Rural, José González, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para este ano 2022.

Este comité, que está operativo desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na comunidade galega, co fin de sumar sinerxías e anticiparse aos lumes forestais.

Entre as novidades deste ano destaca a creación dun Sistema estrutural de mando operativo co fin de mellorar a seguridade e a eficacia na extinción de incendios forestais. Deste xeito, este mecanismo permitirá liberar de tarefas secundarias ao director técnico de extinción de cada lume, reforzando o seu papel na coordinación do dispositivo. Ademais, a Rede de vixilancia fixa nos montes sumará seis novas cámaras con tecnoloxía de última xeración ata acadar as 148 en 74 localizacións e cubrir preto do 70% do territorio.

O vicepresidente segundo da Xunta destacou a importancia da coordinación e da cooperación entre administracións para facer fronte con maior eficacia aos incendios forestais. Por iso, a reunión de hoxe contribúe a poñer en común e pechar a coordinación das actuacións que se van levar a cabo ante o comezo da tempada de alto risco o próximo 1 de xullo. Tamén amosou a súa solidariedade coas comunidades autónomas afectadas polos lumes forestais destes días.

Durante esta época de alto risco, a Xunta mobilizará na loita contra o lume máis de 7.000 efectivos, entre os propios da Xunta e os do Estado, 380 motobombas entre outros medios terrestres e unha trintena de medios aéreos, tal como recolle o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) deste 2022.

Entre os efectivos mobilizados, a Policía Autonómica destinará 232 axentes á investigación de incendios forestais e 115 vehículos. Deste xeito mantense practicamente o persoal do ano pasado pese ao descenso de efectivos ao non cubrir o Goberno central as prazas vacantes. Así, Diego Calvo volveu reclamar ao Ministerio do Interior que aprobe o convenio que permita convocar o concurso das prazas vacantes e completar ata os 500 efectivos o plantel da Policía Autonómica, que actualmente se atopa ao 73% con 366 axentes.

Nas tarefas de investigación dos lumes colabora tamén a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural creada o ano pasado para reforzar as pescudas e a persecución das persoas presuntas incendiarias. Así, dende a súa creación -o pasado ano- realizou xa un total de 242 dilixencias de diverso tipo, entre elas varias relacionadas coa posta a disposición xudicial de presuntos incendiarios.

Ademais, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) colaborará nas intervencións cun Grupo de Apoio Loxístico (Gali) e facilitaranse medios técnicos como 1 unidade operativa con 7 drons ou 3 cisternas nodrizas con capacidade de 25.000 litros cada unha delas. Tamén participarán 432 bombeiros e 75 vehículos dos parques municipais, xunto con 446 efectivos e 97 vehículos dos parques dos consorcios provinciais e comarcais.

Nesta rede de apoio intégranse máis de 400 efectivos de Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), e os máis de 4.400 voluntarios das 235 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da comunidade. Cómpre lembrar que a Xunta ten realizado un investimento histórico de 21 millóns de euros destinados ao reforzo do equipamento destes dous servizos de emerxencias.

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural destacou as melloras na organización e coordinación do dispositivo, ao crearse o Sistema estrutural de mando operativo para mellorar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada. Tamén subliñou a ampliación da Rede de videovixilancia forestal, con seis novas cámaras dispoñibles en tres novas localizacións, co que se acada a cifra de 148 unidades en 74 localizacións. Por último, tamén se referiu á actualización das parroquias de alta actividade incendiaria, xa que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2022) identifica un total de 35, cifra idéntica á do ano pasado, pero co matiz de que 31 delas repiten respecto á anterior campaña e entran catro novas. Nos núcleos principais desas 35 parroquias celebraranse este ano encontros cos veciños, centrados tanto na prevención e defensa contra os incendios forestais como na autoprotección da poboación residente.

Así mesmo, o Plan de prevención posto en marcha este ano contempla un investimento de 33,1 millóns de euros para actuar en preto de 58.600 hectáreas e en 5.780 quilómetros de pistas e outras vías. Tamén se prevé a construción de 111 novos puntos de auga e o acondicionamento dos 4.750 xa existentes, entre outras medidas.

O vicepresidente segundo da Xunta e o conselleiro do Medio Rural fixeron tamén un chamamento á prudencia e lembraron que o Goberno galego e as forzas e corpos de seguridade estarán vixilantes. Así, apelaron á colaboración cidadá para extremar as precaucións no monte e colaborar na denuncia de actitudes sospeitosas. Así, está activo o número de teléfono anónimo e gratuíto de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085 e o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal.

Membros do CIPIG
Na reunión de hoxe tamén participaron o xefe de Área de Riscos Naturais do Ministerio do Interior, José Luis Rubido; a xefa da Área de Defensa contra incendios forestais da subdirección xeral de Política Forestal do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ángela Iglesias; o xeral xefe da Garda Civil en Galicia, Francisco Rodríguez; e o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Ramón Gómez Nieto. En representación do Goberno galego, tamén estiveron presentes o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.

20 de xuño de 2022 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.