publicidade hoxe

A Xunta celebrará na Cidade da Cultura o Día da Música coa verbena urbana do compostelán Ortiga

A Xunta conmemora este ano o Día da Música —efeméride que se celebra o 21 de xuño— na Cidade da Cultura coa actuación de Ortiga, proxecto musical responsable de renovar o espírito da verbena galega a golpe de autotune, guitarra e secuenciadores. Actuará o venres 24 de xuño ás 21,00 horas na Praza Central do Gaiás, nun concerto de balde no que tamén subirán ao escenario varios artistas, amigos e colaboradores do músico compostelán.

Manuel González, Chicho, artífice de Ortiga, presentará no Gaiás o seu segundo álbum Sabes el camino que elegí (Ernie Records, 2021), no que mantén a súa aposta por ligar os ritmos latinos cos sons da música urbana, na liña do cumbiatune, estilo persoal que creou dentro do dúo Esteban & Manuel e perfeccionou no seu debut en solitario Chicho & sus Chichas.

Neste novo traballo, Ortiga busca ademais ampliar a súa paleta de ritmos, incorporando a salsa, o funk e incluso o pop aos seus temas, nos que fala sen artificios do amor e do desamor, de encontros e amizades. Na noite do 24 de xuño, a súa alma festeira contaxiará ao público no Gaiás para celebrar o Día da Música e tamén a modo de aperitivo dos concertos que a Cidade da Cultura programa para este verán de 2022.

Cunha traxectoria curta pero cargada de proxectos, Manuel González é coñecido tamén por ser a outra metade do dúo de pop electrónico Los Rastreadores (con Grande Amore) e do referente do trap galego Boyanka Kostova (con Cibran García). Como Ortiga, o seu rebulir musical levouno a colaborar con artistas como o asturiano Rodrigo Cuevas ou a facer unha revisión da canción popular Eu chorar chorei, a dúo coa veterana da verbena galega, Pili Pampín.

Ópera e cultura urbana

A Biblioteca de Galicia tamén se suma á celebración do Día da Música co espectáculo Ópera Break’s, mestura de ópera, baile urbano e percusión vocal. Será o sábado 18 de xuño ás 18,00 horas no Auditorio Neira Vilas, tamén con entrada gratuita previa reserva de praza a través da web da Cidade da Cultura.

Esta proposta dirixida ao público familiar brota da conexión da soprano Esperanza Mara co colectivo de artistas urbanos Vella Escola, para contar unha historia a través da expresión musical e corporal que rompe as barreiras do clásico e do urbano.

14 de xuño de 2022 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.