publicidade hoxe

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue invita á cidadanía galega a doar sangue nos meses de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), realiza un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes A Positivo, A negativo e 0 Positivo. As reservas destes tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS. Polo que cómpre lembrar que os centros sanitarios de Galicia necesitan entre 400 e 500 diarias para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias.

En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En determinadas épocas do ano pode baixar o número de doazóns, como sucede durante a época estival, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue durante os meses de verán.

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días diferentes concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

29 de xuño de 2022 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.