publicidade hoxe

Xunta e Colexio de Psicoloxía seguirán a colaborar para prestar atención especializada e gratuíta a vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia veñen de asinar o convenio de colaboración que permitirá un ano máis prestar atención especializada e gratuíta a unhas 1.000 persoas vítimas da violencia de xénero ao longo deste ano. A cooperación, que conta cunha achega de 337.039 euros, similar á de 2021, diríxese, por unha banda, a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero, así como a membros do seu entorno familiar e, por outra, a homes que teñen problemas de control das súas actitudes violentas a través do programa Abramos o círculo.

Esta iniciativa conxunta permite, polo tanto, apoiar a recuperación das vítimas da violencia de xénero mediante o apoio psicolóxico ás mulleres e menores que a padecen, así como a outras persoas da contorna familiar afectadas; e prevé tamén apoio especializado psicolóxico aos homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar que adoptan actitudes inadecuadas nas relación coa súa parella, coa súa familia, e desexan adquirir novos modos de comportamento exentos de agresividade. Os participantes reciben recursos para resolver os conflitos sen recorrer á violencia. O pasado ano participaron un total de 136 homes.

No caso das mulleres e menores vítimas de violencia de xénero, inclúese no programa a cobertura da asistencia domiciliaria urxente en caso de morte ou agresións especialmente graves por violencia de xénero, sempre que sexa preciso, en coordinación co Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE); apoio terapéutico e psicolóxico das usuarias do Centro autonómico de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero; e garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala.

Desde 2009 e ata o ano pasado, os convenios subscritos co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia permitiron chegar a 9.663 persoas beneficiarias: 6.007 mulleres, 2.155 menores, 349 membros da contorna familiar das vítimas e 1.152 homes, que participaron no programa Abramos o círculo. En 2021, as persoas beneficiarias sumaron 1.305 entre mulleres (799), menores (306), familiares (64) e homes (136).

Con medidas como esta, a Xunta tenta mellorar a resposta que desde as institucións se proporciona ás vítimas da violencia de xénero, coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación e contribúan a reforzar a súa autoestima. A atención psicolóxica, neste sentido, resulta fundamental para a recuperación e adquisición de habilidades que lles permitan a estas persoas lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral e rachar coa situación de violencia.

A inicitiva enmárcase no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

16 de maio de 2022 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.