publicidade hoxe

Ursula Heinze de Lorenzo presenta en Brión o libro “Flashes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendarioLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

cartel flashes brionA Sala Municipal de Exposicións de Brión, acolle este venres 13 de maio, ás 20:30 h, a presentación do libro Flashes, da autoría de Úrsula Heinze de Lorenzo e publicado por Edicións Fervenza. No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada por Luís Alonso Girgado, Víctor F. Freixanes e Dolores Vilavedra.

A obra

Flashes érguese como un conxunto de relatos a xeito de instantáneas que recollen distintas vivencias e observacións durante toda unha vida, rememorizadas pola escritora Ursula Heinze De Lorenzo.

Pequenos relatos que, quizais provoquen risa, reflexión ou algún choro, e mesmo poida que alguén vivise algún incidente similar. Son vivencias verdadeiras, escritas con liberdade literaria, auténticos flashes que iluminan distintas épocas do mundo e describen ambientes e persoas que acompañaron á autora ou que aínda hoxe están ao seu carón. 

Colaboracións 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A autora

Ursula Heinze de Lorenzo. Naceu en 1941 en Coloña (Alemaña). Licenciouse en Filoloxías Inglesa e Alemá na Universidade de Coloña. Formou parte do grupo universitario de teatro e estudou piano e canto. Reside desde 1968 en Santiago de Compostela. Foi catedrática de Ensino Medio en Alemaña e lectora de alemán na Universidade de Valladolid (1973-1977). É membro fundador do PEN Clube Galego do que foi presidenta entre 1991 e 1996. No ano 1993 organizou en Santiago de Compostela o 60 Congreso Mundial do PEN. Tamén é membro do PEN Centro Alemán e foi membro do Patronato da Fundación Rosalía de Castro. É autora de numerosas obras: novelas, ensaios, relatos, literatura infantil e xuvenil e poesía en galego, así como poesía e relatos en alemán. Traduciu obras de autores alemáns ó galego e ó castelán e numerosos poemas de diferentes autores recollidos en dous libros.

12 de maio de 2022 | 10:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.