publicidade hoxe

Rosalía Morlán presenta na Estrada o libro “Camelias de amor”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCalendarioLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

cartel camelias estradaO Museo do MOME, na Estrada, acolle este venres 13 de maio, ás 20:30 h, a presentación do libro Camelias de amor, da autoría de Rosalía Morlán e ilustrado por Amalia López Brea “Luchi”, que publica Edicións Fervenza.

 No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada do normalizador lingüístico do Concello da Estrada, Xosé Lueiro; o profesor e escritor Xosé Luna; a ilustradora da obra, Amalia López Brea “Luchi”; e a concelleira de Educación do Concello da Estrada, Amalia Goldar.

Así mesmo contarase co acompañamento musical de Leticia Rey e o recitado poético do Club de Lectura do CEIP do Foxo, “Acrolectofilia”.

A obra

Todos os poemas que integran Camelias de amor preséntanse en dous idiomas: galego e castelán e neles, Rosalía Morlán recompila un conxunto de poemas elaborados ao longo da súa vida e que, pese á súa aparencia romántica, son perfectamente extrapolables a calquera sentimento de amor e afecto no lector/a.

Camelias de amor é un libro de sentimentos onde a alma viaxa completamente espida a través dos versos e no que o amor aniña en cada palabra. Como beliscos no corazón dun amor que envolve toda a vida, nesta obra recompílanse diversos poemas elaborados pola autora dende o ano 1980 ata o 2020. Un camiño ao longo dos anos bailando entre camelias, baixo unha choiva de soños e unha néboa de esperanza. Asemade, a colaboración de Amalia López Brea “Luchi” coas súas ilustracións a toda cor proporciona maior beleza se cabe aos versos de Morlán. 

Colaboracións 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela, o Concello de Santiago, o Concello de Trazo e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A autora 

Rosalía Morlán Viéites (Trazo, A Coruña, 1959). Supervisora de enfermaría no Hospital de Conxo (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago). Profesora asociada de Ciencias da Saúde na Universidade de Santiago de Compostela.

Ten colaborado nas revistas Gemma, Clarín, La Peñorra, Acento e Promesas; asemade, os seus poemas forman parte da publicación Antología Clarín de Poesía, tomo II, da Editorial El Paisaje (1982).

Os seus traballos foron premiados en diferentes certames literarios: 1º premio (Cardo de Prata) na XIII edición da “Fiesta del Aquelarre Poético Hogueras de San Juan” (A Coruña) nos anos 1983, 1984, 1988 e 2001. Finalista do premio de poesía “Rosa de Oro”. Gañadora do V Premio de poesía sobre la mar “Brisa marina” (2011) e do premio “Hernán Esquío” de poesía en dúas ocasións (2012 e 2017) que convoca a SAF (Sociedad Artística Ferrolana). A coitada lúa (Ed. Fervenza, 2010) resultou finalista (mención de honra) do premio “Arume” de poesía (2009). Participou nas obras colectivas Libro dos Reis Magos (2012) e Cancioneiro do Camiño, libro-disco de Manoele de Felisa (2020).

Ten publicado: Estrelas de azucre (Ed. Fervenza, 2012), O libro do mundo dos soños (Técnicas & Gramaxe, 2013), O Castelo da Rocha Forte (Asoc. Cultural Rocha Forte, 2014), Canta a lúa coas estrelas (Ed. Fervenza, 2015), Nas rúas de Compostela (Ed. Fervenza, 2016) e O dragón Antón e o sapo Rosendo (Ed. Fervenza 2019).

A ilustradora

Amalia López Brea, “Luchi” (Silleda, 1968). Licenciada en Bioloxía e diplomada en Maxisterio é unha apaixonada da pintura. A súa obra abarca óleos, acuarelas, pasteis graxos, carboncillo e lapis de cor.

Participou con ilustracións en distintas publicacións tanto no campo musical como infantil e de adultos: no disco-libro Cantos para nenos e nenas de María do Ceo; Cartafol poético da Porta do Sol de Lamela; no poemario infantil Versos e bolboretas de Mónica Varela Gestoso (Ed. Fervenza, 2017); no disco-libro A Estrada da vida de Xosé Luna e Manoele de Felisa; no poemario Zapatos máxicos de Fernando González Graña (Ed. Fervenza, 2018); no poemario Un mundo quentiño de Mónica Varela Gestoso (Ed. Fervenza, 2018) e nos libros Un nobelo de luz de Charo Golmar (Ed. Fervenza, 2020) e O Naranxo no Trasmundo de Inma Vilariño Vázquez (Ed. Fervenza, 2020).

12 de maio de 2022 | 11:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.