publicidade hoxe

Galicia e Dinamarca estudan posibles sinerxías entre os seus modelos de valorización de residuos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

Galicia e Dinamarca estudan impulsar posibles sinerxías en materia de valorización de residuos a través do intercambio de información e de experiencias a nivel técnico entre o complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, e a planta de CopenHill, en Copenhague, dúas instalacións punteiras e de referencia en toda Europa.

A tal fin, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta, Sagrario Pérez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, acompañados por técnicos da empresa pública galega, visitaron esta mañá in situ as instalacións de CopenHill, unha infraestrutura pública que, ademais de proporcionar luz e calor á poboación mediante a conversión dos residuos non reciclables en enerxía —seguindo o modo de funcionamento de Sogama—, tamén foi concibida como área social e de lecer, contando para isto con pistas de esquí na cuberta, un rocódromo artificial na súa fachada —o máis alto do mundo— e camiños bordeados de árbores.

Este encontro entre responsables da planta danesa e da galega enmárcase na viaxe institucional a Dinamarca que realizou a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o pasado mes de novembro, e durante a que as autoridades de ambas rexións acordaron manter novos contactos para poñer en común as particularidades de cada modelo de xestión de residuos e estudar posibles sinerxías.

Neste sentido, é preciso lembrar que as dúas infraestruturas industriais destacan pola súa modernidade e alta eficiencia, así como pola incorporación aos seus procesos das últimas tecnoloxías dispoñibles, o que lles permite levar a cabo unha xestión punteira e sostible dos residuos urbanos, logrando compatibilizar a actividade industrial coa protección do medio ambiente e da saúde.

Logo da visita á planta de CopenHill, tamén coñecida como Amager Bakle, a delegación da Xunta trasladouse á sede de State of Green, unha asociación público-privada sen ánimo de lucro cuxo labor se orienta ao fomento das relacións internacionais para identificar puntos de encontro que contribúan á transición verde.

Alí Javier Domínguez e Sagrario Pérez reuníronse con membros da Axencia danesa de Medio Ambiente, que lles explicaron o marco legal da xestión e tratamento dos residuos municipais no seu país.

A xornada concluirá cunha visita a AFATEK, unha instalación de recuperación de escouras onde se separan o 90% dos metais presentes nas mesmas para propiciar o seu posterior reciclado, reutilizando o resto como grava de escoura, que pode substituír grava recentemente extraída na construción de estradas, por exemplo.

9 de maio de 2022 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.