publicidade hoxe

Ábrese a selección dos proxectos emprendedores que impulsará o polo de aceleración dos videoxogos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para a selección dos proxectos emprendedores que recibirán o impulso do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, que a Xunta acaba de poñer en marcha ao abeiro do seu Hub Audovisual da Industria Cultural. A asociación Videoxogo.gal será a encargada de xestionar as diferentes accións deste novo programa, de acordo co convenio de colaboración asinado recentemente coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade por importe de 360.000 euros.

Tal e como especifica a convocatoria, 290.000 euros destinaranse especificamente ao desenvolvemento das actividades mediante as que se lles facilitarán ás empresas e profesionais participantes as ferramentas necesarias para axilizar a saída ao mercado dos seus produtos, así como a súa consolidación.

Solicitude ata o 13 de xuño

Poden optar a integrarse no polo aquelas novas empresas, físicas ou xurídicas, con menos de 10 meses de actividade en calquera dos ámbitos da cadea de valor da industria dos videoxogos e contidos interactivos, sempre que o seu traballo se desenvolva maioritariamente en Galicia. O prazo de solicitude comeza mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 13 de xuño.

Unha comisión de valoración, para a que se contará con profesionais de recoñecido prestixio no sector, será a encargada de seleccionar os proxectos de acordo cunha serie de criterios de valoración que teñen que ver tanto coa calidade das propostas (xeración de contidos dixitais, carácter global, innovación e potencial de crecemento) como co equipo promotor (currículo, experiencia, carácter multidisciplinar, dedicación, estrutura do capital humano e porcentaxe de emprego feminino).

Entre as accións de aceleración intensiva descritas nas bases atópanse consultarías individuais, grupais, obradoiros de innovación e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Disporase para o seu desenvolvemento coa experiencia e o coñecemento de profesionais de referencia a nivel estatal e internacional, tanto nesta industria como noutras áreas do emprendemento.

Tamén está prevista a organización de actividades de innovación, de eventos de presentación de proxectos diante dos principais operadores do sector e dun programa para a xestión da mobilidade internacional con presenza nalgúns dos máis destacados mercados a nivel mundial, así como campañas de difusión e unha consultaría de seguimento.

Próxima convocatoria de axudas ao desenvolvemento

A industria galega dos videoxogos está a ser por primeira vez obxecto dun paquete integral de medidas para favorecer a súa vertebración e desenvolvemento, cun investimento de preto dun millón de euros ao abeiro do Hub Audiovisual da Xunta. Así, ademais do devandito polo de aceleración, este mesmo mes de maio convocarase un fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotado con 500.000 €. Poderán optar a el tanto propostas de certa envergadura como outras de carácter menos comercial e, para a súa concesión, valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.

Como medida complementaria para favorecer unha maior estruturación do sector, estase a levar a cabo un mapeo do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, ao tempo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.

Estas tres liñas de traballo conforman o núcleo do apoio a este sector no marco Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

11 de maio de 2022 | 13:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.