publicidade hoxe

A Xunta vén de transferir máis de 14,3 M€ a 3.670 beneficiarios das axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da convocatoria da PAC de 2021

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Un total de 3.670 persoas beneficiáronse en Galicia das axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica correspondentes á campaña de 2021 da Política Agrícola Común (PAC), que suman máis de 14,3 millóns de euros.

Así, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dependente da Consellería do Medio Rural, vén de realizar as correspondentes transferencias para que os gandeiros e agricultores poidan recibir os pagos ao longo da semana que vén.

Destes 14,3 millóns de euros, algo máis de 12,3 millóns correspóndense ás axudas de agroambiente e clima, que benefician a 3.434 agricultores e gandeiros. En canto ás axudas de agricultura ecolóxica, o importe ascende a máis de 1,9 millóns de euros para beneficiar a 236 produtores.

A convocatoria destas subvencións publicárase no mes de xaneiro de 2021 a través dunha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se regulaba a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no marco da PAC.

Campaña 2022

Cabe engadir que a Xunta ampliou ata o vindeiro 13 de maio o prazo de presentación da solicitude única das achegas da Política Agrícola Común deste ano, que remataba inicialmente o día 30 de abril.

A dotación para esta campaña é de arredor de 210 millóns de euros, dos cales 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos e os restantes 40 millóns coas medidas de desenvolvemento rural, cun aumento de cinco millóns de euros nestas últimas con respecto á anterior convocatoria.

6 de maio de 2022 | 10:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.