publicidade hoxe

A Xunta solicita á Secretaría de Estado de Turismo a paralización da nova norma de rexistro de viaxeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O Goberno galego, a través de Turismo de Galicia, ven de solicitar á Secretaría de Estado de Turismo a paralización do Real Decreto 933/2021, de 27 de outubro de 2021, relativo ao rexistro de documental de viaxeiros que deben levar os establecementos turísticos. A nova normativa ía entrar en vigor a partir do 27 de abril, pero o rexeitamento do sector turístico suscitou unha moratoria da entrada en vigor ata o vindeiro 1 de xaneiro de 2023, unha oposición coa que a Xunta está totalmente aliñada.

No escrito Turismo de Galicia rexeita non só a proposta se non tamén o xeito en que se levou a cabo a aprobación da nova normativa, sen transparencia nin diálogo co sector turístico. Ademais, a nova normativa suporía na práctica pasar de recompilar 9 a 31 datos o que se traduce en sobrecarga de traballo para os profesionais do sector, tempo extra para facer o check in para os viaxeiros e necesidade de implantar procedementos de seguridade para a recolla e custodia dos datos que, ademais, non son de carácter turístico.

Cómpre indicar, ademais, que esta recolla de información afecta a todas as tipoloxías de aloxamentos e suporía cargas administrativas innecesarias e accesorias, que o sector considera inadmisibles, xa que se lles esixe tamén o almacén e custodia de datos sensibles, cuxa recolla entra en conflito coa LOPD, e que os establecementos turísticos terían que almacenar durante 3 anos. Ademais, o réxime sancionador incluído no novo decreto inclúe sancións de ata 30.000 euros aos establecementos, que teñen a responsabilidade da exactitude dos datos que se fagan constar, cuestión que parece absolutamente desproporcionada.

“Os aloxamentos deben ofrecer un servizo de calidade, rápido e eficaz que, en moitas ocasións non se poderá garantir se deben recoller os 31 datos que se lles esixe, datos que nada teñen que ver coa actividade turística e que ademais obrigará a dispor dun protocolo de protección de datos que esixe unhas medidas de custodia inaccesibles para a inmensa maioría dos titulares de establecementos turísticos”, explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

É por isto que o Goberno galego solicita á Secretaría de Estado de Turismo que se senten a consensuar co sector o anexo I do Real Decreto, propoñendo que este se limite a recoller os datos xa esixidos ata o momento no exercicio da actividade de hospedaxe.

2 de maio de 2022 | 14:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.