publicidade hoxe

A Xunta renova a plataforma de É-saúde e integra nela a Carpeta Persoal para que a cidadanía poida rexistrar os seus datos de saúde e compartilos cos profesionais sanitarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a Carpeta Persoal de Saúde, unha plataforma onde a cidadanía pode xestionar datos sobre a súa saúde e compartilos cos profesionais sanitarios.

Deste xeito, as galegas e galegos poderán rexistrar na súa Carpeta Persoal, accesible dende É-saúde, datos introducidos manualmente ou recollidos automaticamente dende dispositivos ou aplicacións que o cidadá emprega para monitorizar a súa saúde, como por exemplo: pulsímetros, básculas, pulseiras de actividade, reloxos intelixentes, etc.

Tamén poderá rexistrar información sobre aspectos clave relacionados coa súa saúde, como poden ser alerxias, antecedentes familiares, tratamentos, etc.

Xunto ao anterior, poderá rexistrar outros documentos como imaxes ou informes e probas diagnósticas que o paciente puidese realizar en diferentes provedores de saúde.

A plataforma permite que a cidadanía decida a información que quere compartir cos profesionais sanitarios e facerlla accesible. O profesional pode acceder dende IANUS ao apartado de historia clínica persoal e consultar a información da Carpeta Persoal de Saúde do paciente que estea a compartir. Ademais, os documentos compartidos polo doente poder ser incorporados polo profesional á historia clínica.

É-saúde renova ademais a súa contorna gráfica adaptándoa aos novos dispositivos móbiles e facéndoa máis sinxela.

Actualmente, 1.412.741 cidadáns acreditáronse en É-saúde a través do acceso seguro da Chave365. Desde E-saúde acceden ao mes unha media de 300.000 cidadáns a consultar os datos da súa historia clínica. Ademais de acceder aos informes de alta, probas de laboratorio ou datos de vacinación, os cidadáns descargaron xa máis de 350.000 probas de imaxe, 60.000 no último trimestre.

Esta canle de comunicación coa cidadanía complétase coa APP SergasMobil, utilizada xa por 1.823.773 cidadáns para levar consigo a súa tarxeta virtual, solicitar unha cita co seu médico ou descargar os seus certificados de vacinación. Desde SergasMobil descargáronse xa máis de 2.600.000 certificados de vacinación.

23 de maio de 2022 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.