publicidade hoxe

A Xunta porá en marcha este mes o cuarto dos sete hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenís previstos no plan de saúde mental de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no Hospital Montecelo, nunha xornada sobre o presente e o futuro da saúde mental en Galicia, que a Xunta porá en marcha este mes o cuarto dos sete hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenís previstos no Plan de Saúde Mental de Galicia. Estará situado na área de Lugo, e o obxectivo do Goberno galego é chegar, no ano 2024, a sete, un por área sanitaria. Ademais, crearase o ano que vén unha segunda unidade de hospitalización de agudos para pacientes psiquiátricos desta idade, que se emprazará no Hospital Álvaro Cunqueiro e, este mesmo mes, a Xunta licitará a súa obra.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou o apoio da Xunta ás entidades sociais que xestionan centros de rehabilitación psicosocial, minirresidencias ou pisos protexidos, xa que o obxectivo de toda actuación en saúde mental ten que ser a inclusión plena na sociedade. Este apoio se concreta, -proseguiu o conselleiro-, con convocatorias de axudas de máis de 800.000 euros anuais e cun apoio máis estrutural aumentando as prazas concertadas. Así, neste ano o Goberno galego destina 8,1 millóns, máis do 30% superior á contía que había no 2020, é a nosa previsión, -dixo García Comesaña-, é chegar ao 2024 superando os 9,5 millóns, un 55% máis do presuposto inicial, o que supón acadar 320 prazas máis, logrando superar as 1.500.

Tamén incidiu o conselleiro en que, nesta lexislatura, o Sergas porá en marcha as tres primeiras unidades de detección precoz dos primeiros episodios psicóticos, afondando así noutra das prioridades do departamento sanitario galego, como é a actuación nas fases iniciais dos procesos de psicose.

Contratación de máis profesionais

O Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta cun presuposto de 83 millóns, recolle un compromiso de contratación de 241 novos profesionais e a data de hoxe, -remarcou García Comesaña-, 120 deles xa están a traballar en novos programas de saúde mental nas sete áreas sanitarias. Este plan da Xunta complementarase con outro post-covid, o aprobado onte mesmo no Consello Interterritorial. Ao respecto, o conselleiro dixo que é importante esta coincidencia de prioridades entre administracións, e unha boa noticia para o impulso e reflexión sobre o futuro da saúde mental.

Outro punto que destacou o máximo responsable da sanidade pública galega é a prevención do suicidio e, ao respecto, remarcou o plan específico que ten a Xunta neste eido, do que vén de actualizarse o seu protocolo para a prevención no ámbito escolar e, este ano, o Sergas completará o obxectivo de que as sete áreas sanitarias teñan unidade de prevención.

Para rematar a súa intervención, García Comesaña acreditou, coas medidas que se están a tomar dende o seu departamento no ámbito da saúde mental, que a situación presente “está razoablemente ben diagnosticada e contamos tamén cunha visión bastante clara de cara a onde queremos ir no futuro, e a Xunta está preparada para reorientar os recursos en función das novas necesidades ou prioridades que se vaian detectando”.

13 de maio de 2022 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.