publicidade hoxe

A Xunta estrea a tramitación electrónica para acadar en 2025 as 100 agrupacións forestais de xestión conxunta e os 25.000 silvicultores activos en beneficio do monte galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. Cúmprese así coa posta en marcha de ambos rexistros recollida na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, coa previsión de acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos deica o ano 2025.

Chamadas a xogar un papel fundamental no desenvolvemento do sector forestal da nosa comunidade, as agrupacións de xestión conxunta e as persoas silvicultoras activas atópanse recollidas no eixe II do Plan Forestal, relativo á xestión dos montes e á loita contra o abandono. As agrupacións tamén están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, como figura para poñer en valor as parcelas abandonadas ou infrautilizadas.

Os procedementos voluntarios de rexistro que se estrean mañá -e que estarán abertos permanentemente- buscan incidir na mellora da xestión das arredor de 8 millóns de parcelas catastrais rústicas forestais que hai en Galicia. Así as cousas, as iniciativas de xestión conxunta promoverán a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. Mentres, o novo estatus que se establece de silvicultor activo tamén contribuirá a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

Agrupacións forestais de xestión conxunta

Poderán ser recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta as sociedades de fomento forestal (Sofor), as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.

Estas agrupacións deben ter por finalidade un ou varios dos seguintes obxectivos: a mobilización de terreos forestais por medio da súa xestión conxunta e sustentable, a súa recuperación e impedir o seu abandono; favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta; servir como instrumento para a conservación do medio ambiente mediante a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas, a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático; e a creación de emprego endóxeno. Por transcender estes fins e obxectivos o interese exclusivamente particular, poderá declararse de interese xeral a xestión conxunta realizada polas agrupacións forestais.

Unha vez recoñecida a agrupación, inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais e as persoas titulares de parcelas forestais lindeiras quedarán obrigadas a manter unha xestión cun nivel de actividade forestal equiparable ao da agrupación. De non facelo, poderán declararse en situación de abandono ou infrautilización, tendo a agrupación a posibilidade de acceder ao seu arrendamento. Ademais, a Consellería do Medio Rural poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable dos montes particulares das agrupación de xestión conxunta, nos casos en que as especiais dificultades para a posta en valor e as condicións do monte así o aconsellen.

Silvicultores activos

Poderán solicitar o recoñecemento como silvicultores activos as persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e que dispoñan dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.

O recoñecemento do estatus de silvicultor activo facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas ao cumprimento dos instrumentos de ordenación e xestión forestal ou medidas públicas de apoio ao sector forestal, o acceso á cesión dos montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación, con preferencia dos silvicultores activos que sexan comunidades de montes, e en todas aquelas situacións en que se requira unha xestión sustentable do monte, en particular nos procesos de declaración de abandono ou infrautilización de terras agroforestais.

6 de maio de 2022 | 13:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.