A Xunta colabora con Gadis na campaña ‘Versos na rúa’ para dar a coñecer autores galegos ilustres
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, achegouse á Casa do Concello de Ordes para acompañar a marca galega Supermercados Gadis na presentación da acción sorpresa Versos na rúa, na que leva traballando desde o pasado mes de abril co gallo do Día das Letras Galegas.
O representante da Xunta celebrou que as empresas privadas “se impliquen, como fai Gadis todos os anos, na celebración das datas fundamentais da nosa cultura, entre as que salienta sen dúbida o Día das Letras Galegas, unha festa da lingua que nos une e nos identifica”.
Supermercados Gadis é a responsable dos versos que comezaron a aparecer escritos en 220 pasos de peóns, muros e fachadas de 50 edificios de diversas localidades galegas levantando a expectación e espertando o interese dos veciños. Este era, precisamente, o obxectivo desta acción da compañía: poñer o foco na cultura galega sumando unha nova acción, ao fío do Día das Letras Galegas, a todas as que se levan a cabo ao longo do ano tanto nos puntos de venda, como nas campañas de publicidade e nas redes sociais.
Os textos de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Manuel Antonio, Lois Pereiro e Xosé Neira Vilas, oito autores de épocas diferentes e moi representativos das nosas letras, foron os escollidos para esta acción. A intención é que os cidadáns teñan a oportunidade de coñecer e gozar desta selección de pezas da literatura galega na súa vida cotiá.
Cos estes versos constrúese dunha ruta polas letras galegas que se pode seguir por trece localidades: A Coruña, Lugo, Ourense, Betanzos, O Carballiño, Foz, Muros, O Barco, Ordes, Ribeira, Sarria, Verín e Viveiro. Tamén é posible transitar dixitalmente a través do site habilitado gadisletrasgalegas.gal e nos perfís de redes sociais @versosnarua. As localizacións das “pintadas” poden verse na seguinte ligazón.
Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no acto interviñeron Jose Luis Martínez, alcalde de Ordes; José Luis Fernández Astray, director de Comunicación de Gadisa; Alenxadra Kuntz Peiteado, coordinadora de Marketing Dixital e Contidos, e Antía González Paredes, coordinadora de Comunicación da mesma empresa.
Adhesivos vinílicos e homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán
O luns 16 de maio, todos os Gadis de Galicia regalarán, ata fin de existencias, 80.000 adhesivos vinílicos coa selección de versos que se reproduciron nas rúas para dar maior visibilidade e potenciar o coñecemento destes autores entre a súa clientela. Ademais, renderanlle homenaxe ao autor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas repartindo na mesma data 30.000 marcapáxinas e 30.000 bolsas de papel reciclado cunha imaxe de Florencio Delgado Gurriarán.