publicidade hoxe

A Xunta anima a empresas e autónomos a solicitar o Bono Enerxía Peme para impulsar o aforro e para mellorar a eficiencia enerxética dos seus locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou, esta mañá, que a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, ten aberta a convocatoria de axudas do Bono Enerxía Peme para axudar a máis de 350 empresas galegas cos seus gastos e investimentos eléctricos.

O delegado territorial da Xunta na Coruña animou aos empresarios e autonómos a solicitar estes apoios nunha visita ao establecemento Droguería Villar, beneficiario dunha achega de case 6.000€ coa orde do pasado ano para reducir os gastos enerxéticos do seu local.

O representante do Goberno galego destacou que o ano pasado 54 autonómos e empresarios da Coruña recibiron estas axudas por un importe total de máis de 241.000 euros.

“Trátase dunha liña de axudas para actuacións enerxéticas moi importante para pemes, negocios e autónomos que estreamos o pasado ano para reactivar a economía ante a situación económica xerada pola pandemia da covid-19 e coa que recuncamos este exercicio no marco do Plan de Choque da Xunta para afrontar a actual carestía dos produtos enerxéticos e a suba da inflación”, explicou o representante autonómico.

O Bono Enerxía Peme 2022 ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 14 de xullo, aínda que poderá pecharse antes en caso de esgotamento de crédito, e conta cun orzamento global de 2 millóns de euros. As axudas subvencionarán ata o 80% do investimento cun límite máximo de 6.000 euros por solicitude.

Poderán pedir estas achegas da Consellería de Economía, Empresa e Innovación os empresarios e autónomos con actividades nos ámbitos do comercio, a hostalería, os traballos artístico-recreativos e outros servizos.

Entre os investimentos subvencionables figuran a instalación de elementos de control solar como toldos ou láminas térmicas; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior, incluídos os rótulos, por outros de tecnoloxía Led; a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións eléctricas; o reemprazo de equipamentos como cafeterías, lavavaixelas, lavadoras ou secadoras, entre outros; a instalación de aparatos de redución de consumo en sistemas de climatización, ventilación ou auga quente; e a implantación de sistemas domóticos e inmóticos.

3 de maio de 2022 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.