Máis de 11.000 persoas iniciarán o 1 de maio o reto ´Emprego 30 días´ que a Xunta promove coa ‘influencer’ de recursos humanos Eva Porto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

Máis de 11.000 persoas tomarán parte no #RETOEMPREGO30DÍAS promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coa experta galega en Recursos Humanos e influencer Eva Porto, co obxectivo de contribuír á súa empregabilidade con desafíos diarios de 15 minutos durante un mes nos que se abordarán algunhas das estratexias máis axeitadas para ampliar as oportunidades laborais e enfrontar con éxito os procesos selectivos.

O programa desenvolverase en liña a partires do próximo 1 de maio e se estenderá ata o día 30 deste mes. É gratuíto para as persoas participantes que aínda poden formalizar a súa inscrición a través do enderezo https://evaporto.com/reto-emprego-30/.

Entre outras temáticas, os retos abordarán o currículum vitae, as entrevistas de traballo, o uso de redes como LinkedIn, portais de emprego, formación… O programa incluirá ademais servizo de orientación laboral para as persoas participantes e formará sobre chaves do éxito na busca de emprego, coma estratexias de autorregulación (control emocional, afrontamento activo) ou resistencia perante a adversidade.

O #RETOEMPREGO30DÍAS promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo, bebe da experiencia exitosa que a influencer Eva Porto puxo en práctica o pasado xaneiro, con máis de 13.000 persoas inscritas que, ao remate do programa, amosaron unha satisfacción de 9,1 puntos sobre 10.

O Goberno galego proporciona, a través deste modelo orixinal e adaptado ás novas linguaxes, as chaves para destacar no mercado laboral, superar os obstáculos e acceder a un emprego, nun momento no que as demandas de man de obra se atopan en continua evolución. Así poden participar no reto persoas traballadoras de calquera idade e condición que desexen atopar un posto de traballo ou mellorar a súa situación laboral.

Eva Porto ten experiencia como colaboradora con fundacións, empresas ou a propia Xunta de Galicia. É ademais poñente en actos de TEDx e traballa en relación directa co público, contando cun gran impacto nas redes sociais, sendo a influencer de busca de emprego e recursos humanos con maior número de seguidores na actualidade.

29 de abril de 2022 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.