publicidade hoxe

Galicia rexenerará as súas zonas de marisqueo con máis de 55 millóns de unidades de semente de ameixa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Mar subvenciona a repoboación de bancos marisqueiros con máis de 55 millóns de unidades de semente de ameixa ao abeiro das convocatorias de axudas de 2021 destinadas á rexeneración das zonas de marisqueo e á protección dos seus ecosistemas. Esta cantidade de cría de ameixa supón máis da cuarta parte dos 191 millóns de unidades cultivadas entre 2010 e 2020 e será sementada polo sector marisqueiro co obxectivo de mellorar a produción das súas zonas de traballo.

Os apoios baixo os que se realizan estas tarefas son, por unha banda, os destinados a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Por outra banda, tamén apoian labores deste tipo as achegas dirixidas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción, financiadas integramente con fondos propios da comunidade autónoma.

Así o detalla un informe analizado hoxe no Consello da Xunta sobre a resolución das convocatorias deste ano. Este documento reflicte que a través destas achegas o Goberno galego aprobou un total de 59 proxectos por importe de preto de 1,5 millóns de euros que implicarán a rexeneración dunha superficie marisqueira de arredor de 1,7 millóns de m2 a través das diferentes actuacións como a sementeira de especies marisqueiras, arados e aporte de áridos.

Axudas á conservación e restauración

A maioría das repoboacións subvenciónanse no marco da orde cofinanciada co FEMP coa que se apoia o cultivo de preto de 32,6 millóns de unidades de semente de ameixa babosa e ameixa fina dun tamaño medio de 15 mm para unha superficie de preto de 457.000 m2. As entidades que se beneficiarán destas sementeiras son as confrarías de pescadores de Moaña, Cabo de Cruz, Cangas, Carreira-Aguiño, O Grove, Vilaxoán, Vigo, Bueu, Corcubión, Carril, Raxó, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, A Illa de Arousa, Lourizán, Redondela, e Vilanova e a Asociación de Marisqueo a Flote da Ría de Vigo. No marco destas axudas, o Executivo galego aprobou ademais a repoboación de 35.000 unidades de semente de ourizo, un proxecto da Confraría de Pescadores da Coruña.

Con esta convocatoria tamén se financian outras actuacións en hábitats costeiros de importancia para a reprodución de organismos mariños como a dragaxe e aporte de áridos en máis de 210.000 m2 de superficie ou a remoción de substrato en máis de 517.000 m2. Estas tarefas realizaranse en iniciativas das confrarías de Moaña, Miño, Cangas, Vilaboa, Cabo de Cruz, O Grove, Rianxo, Vilaxoán, Vigo, Bueu, Corcubión, Carril, Raxó, Arcade, Cangas, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, Barallobre, A Illa de Arousa, Lourizán, Redondela e Vilanova. Tamén a Asociación de Marisqueo a Flote da Ría de Vigo.

En total, no marco desta orde de axudas cofinanciada con fondos europeos, a Consellería do Mar aprobou 34 expedientes por un importe de preto de 1,2 millóns de euros a distribuír nos anos 2021-2022. Dela beneficiáronse 24 entidades.

Apoios á mellora da produtividade

O resto das sementeiras desenvolveranse na liña destinada a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción. Con ela apóiase o cultivo de máis de 22,5 millóns de unidades de semente de ameixa babosa, fina e xaponesa dun tamaño medio de 15 mm nunha superficie de máis de 520.300 m2.

As entidades que sementarán estas especies son as confrarías de Cabo de Cruz, A Coruña, Pontedeume, Cambados, Cedeira, Moaña, Espasante, Miño, Camariñas, O Grove, A Illa de Arousa, Vilaboa, Carril, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Arcade, Cangas, Redondela, Vilaxoán, Ferrol e Barallobre, Vilanova e Mugardos. Tamén se benefician destas achegas a Asociación de Rañeiros de Arousa, a Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arousa e a Asociación de Marisqueo a Flote da Ría de Vigo. A Xunta aprobou, en total, dentro desta outra orde 25 proxectos por un importe de preto de 319.000 euros para o ano 2021. Dela beneficiáronse 25 entidades.

Ambas liñas de achegas permitirán ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras conservar o recurso, a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras e evitar a perda de zonas naturais. Ao mesmo tempo, estes apoios contribúen ao desenvolvemento de proxectos para fomentar o sector marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia e unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, importante para o mantemento da biodiversidade dos ecosistemas. Deste xeito, Galicia busca impulsar a produtividade dos bancos marisqueiros e o emprego no sector.

2 de setembro de 2021 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.