publicidade hoxe

Emigración facilita a participación cidadá na tramitación da nova estratexia Galicia Retorna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha a tramitación da nova Estratexia Galicia Retorna facilitando a participación cidadá a través dun formulario onde se recollerán as propostas para conformar un conxunto de iniciativas que axuden no retorno dos galegos do exterior.

Deste xeito, a través da súa páxina web (https://emigracion.xunta.gal/es/participa-nueva-estrategia-retorna) púxose en marcha este cuestionario que permitirá que as persoas interesadas poidan presentar as súas propostas para construír o deseño dunha nova estratexia que facilite o retorno a Galicia. Hai que recordar que a anterior contou cun orzamento global de máis de 235 millóns, dos que máis de 15 abarcan medidas específicas de fomento do retorno.

“Abrimos así a redacción e tramitación da nova Estratexia Galicia Retorna a toda a cidadanía mediante este proceso de participación online”, explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “porque entre todas e todos seremos quen de deseñar as fórmulas para apoiar ao retorno dos galegos do exterior durante os vindeiros anos”. Garántese así a participación da sociedade civil, e en especial, dos galegos do exterior, e dase a coñecer o proceso de elaboración da nova estratexia e a documentación sobre a mesma a través da web, permitindo facer achegas por medio dun formulario habilitado ao efecto.

Dentro desta estratexia, que remataba en 2020 e que foi prorrogada a causa da situación da pandemia, atópase a creación das Oficinas Integrais de Retorno que están a funcionar nas catro provincias galegas. Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares.

“As cifras indícannos que imos polo bo camiño: o 2020 continuamos tendo crecemento do retorno a pesar da situación de pandemia que obrigou a pechar 9 dos 12 meses do ano, cun salgo migratorio positivo de 14.616 persoas”, salientou o secretario xeral que, neste marco, puxo en valor a importancia dunha estratexia que ten coma obxectivo “favorecer a volta dos nosos galegos do exterior facendo de Galicia un lugar atractivo para vivir e traballar, e dese xeito, rexuvenecer a nosa poboación”.

2 de setembro de 2021 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.