publicidade hoxe

A Xunta impulsa o Observatorio da Industria Aeroespacial en colaboración co Consorcio Aeronáutico Galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recordou que a Xunta de Galicia segue apostando pola internacionalización e dixitalización das empresas galegas nun sector económico emerxente en Galicia como o sector aeroespacial. Neste senso, Feijóo avanzou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Consorcio Aeronáutico Galego por importe de case 600.000 euros durante tres anos para impulsar o Observatorio da Industria Aeroespacial en Galicia.

Logo de explicar que esta iniciativa supón a segunda actuación da Estratexia para o Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025, Feijóo subliñou que “este instrumento encargarase de fomentar a elaboración de estudos científicos; crear un espazo común de acceso ao coñecemento na materia; estudar e definir as tendencias nacionais e internacionais; realizar actos de difusión dos resultados, e compilar e divulgar estudos de alto nivel e atraer talento científico”, aseverou o presidente da Xunta.

O titular do Goberno galego incidiu en que o obxectivo deste Observatorio pasa por unir as industrias do sector aeroespacial presentes en Vigo e Ourense, xunto co Polo Aeroespacial de Vehículos non tripulados en Rozas, ademais das empresas, universidades e centros tecnolóxicos de Galicia.

Así mesmo, Feijóo lembrou que o próximo 10 de setembro pecha o prazo de presentación de solicitudes para a licitación de 40 millóns de euros, no seo da Estratexia para o Polo Aeroespacial de Galicia 2025, coa que se busca seleccionar entre catro e oito novos socios estratéxicos que desenvolvan 80 proxectos de I+D, constrúan novos hangares en Rozas e “apoien o desenvolvemento e consolidación de 80 pemes galegas a través dun efecto multiplicador da capacidade tecnolóxica de Galicia, as cales traballan no Polo Aeroespacial de avións non tripulados”.

2 de setembro de 2021 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.