publicidade hoxe

O Sergas publica a convocatoria do concurso-oposición para cubrir 299 prazas de persoal estatutario de xestión e servizos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a convocatoria do concurso-oposición para o acceso a diversas categorías de persoal estatutario de xestión e servizos.

O número total de prazas convocadas neste proceso é de 299 desagregadas en: calefactor (37), condutor (12), costura (21), electricista (38), fontanería (18), lavandería (39), mecánica (19), pasador de ferro (45), técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información (12), técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información (8), técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4) e traballador social (46).

Dada a súa coincidencia co período estival, o prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de agosto. O formulario de inscrición estará dispoñible para as persoas interesadas na Oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e).

Este proceso súmase ao recentemente convocado para o acceso a 21 prazas de facultativo especialista de área de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía plástica, estética e reparadora, cirurxía pediátrica, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, cuxo prazo de inscrición tamén finalizará o próximo 31 de agosto.

Coa convocatoria destes procesos, o Sergas completa a execución da oferta de emprego público de persoal estatutario do ano 2018 e a práctica totalidade da correspondente ao ano 2019-quedando só pendente deste último a convocatoria de dúas categorías: persoal técnico superior (9 prazas) e enfermería (302) que se acumularán para a súa tramitación nun único proceso coas dos anos 2020 e 2021 ata acadar un total de 1.070 prazas.

Así mesmo, avánzase no desenvolvemento dos procesos selectivos correspondentes á oferta dos anos 2020 e 2021.

Prestación de servizos durante a covid

Estas novas convocatorias incorporan como mérito a valorar na fase de concurso a prestación efectiva de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria orixinada polo coronavirus, nos termos recollidos na disposición adicional 4ª da Lei 4/2021, como recoñecemento do esforzo e dedicación dos profesionais que, de xeito directo, participaron na xestión e atención durante a pandemia.

Así, na categoría de traballador social, con atención directa aos usuarios, os servizos prestados na mesma categoría á que optan, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas ou privadas concertadas no período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 9 de maio de 2021, valoraranse cunha puntuación equivalente ao dobre da puntuación asignada a cada un destes méritos na epígrafe correspondente do baremo.

Puntuación adicional específica

Así mesmo, nestas convocatorias, continúase a valorar na fase de concurso cunha puntuación adicional específica, a prestación de servizos nos centros hospitalarios do Barco de Valdeorras, Verín, A Mariña, Cee e Monforte de Lemos así como en centros do nivel de atención primaria que reúnen tal condición de illamento; a meirande parte deles situados nas provincias de Lugo e Ourense. O obxectivo desta puntuación adicional específica é asegurar a cobertura asistencial dos centros sanitarios illados e cubrir a demanda asistencial e de servizos de toda a poboación galega, con independencia da súa localidade de residencia recoñecendo así o esforzo e compromiso dos profesionais que están a prestar servizos nestes ámbitos.

Un total de 2.000 prazas

Estas novas súmase ás publicadas nos meses previos, de modo que, logo de engadir estas, estarán en tramitación con proceso de selección xa convocado, un total de 2.000 prazas, das cales 1.311 xa teñen fixada data de realización dos exercicios da fase de oposición ao longo dos meses de setembro e outubro deste ano.

Así, durante a fin de semana do 18 e 19 de setembro desenvolverán a fase de oposición un total de 22 especialidades médicas. Durante a fin de semana do 25 e 26 de setembro realizaranse os exercicios para o acceso a outras 15 especialidades. Os días 2 e 3 de outubro serán un total de 9 as categorías que realizarán os seus exercicios, e por último, a fin de semana do 23 e 24 de outubro, realizaranse os exames para o acceso ás categorías de técnico en farmacia e técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.

En total, están convocados para a realización de exame un total de 8.812 aspirantes.

5 de xullo de 2021 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.