publicidade hoxe

O Sergas abre prazo de inscrición para as listas de selección temporal da nova categoría de persoal médico de hospitalización a domicilio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de persoal médico de hospitalización a domicilio, no ámbito das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

Mediante o Decreto 34/2021, do 11 de febreiro creouse a categoría estatutaria de persoal médico de hospitalización a domicilio do Servizo Galego de Saúde, dentro do colectivo de persoal estatutario sanitario de formación universitaria, de nivel licenciado ou graduado co título de especialista en ciencias da saúde, polo que é preciso abrir a posibilidade de inscrición en listas de selección temporal para esta nova categoría. A selección dos aspirantes efectuarase conforme ao disposto na Resolución do 11 de decembro de 2018 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria (DOG nº 240, do 18 de decembro de 2018).

Cada unha das persoas interesadas en participar deberá proceder a rexistrar os seus datos persoais, requisitos e méritos no seu Expediente Electrónico Persoal (Fides/Expedient-e), ao cal se accederá a través da páxina web da Consellería de Sanidade (www.sergas.es). No Anexo VI están as instrucións de acceso ao expediente electrónico.

Logo de confirmar o formulario de inscrición electronicamente polo interesado, deberá imprimirse e asinarse para a súa presentación no preceptivo rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.
Para esta primeira inscrición teranse en conta as solicitudes presentadas desde o día 9 de xullo de 2021 ata o 3 de setembro de 2021, ambos incluídos. Os méritos computables serán os causados ata o 15 de xuño de 2021 e que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A partires da primeira xeneración, a inscrición nas listas será aberta e permanente.

8 de xullo de 2021 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.