publicidade hoxe

O Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero referenda o seu apoio ás persoas LGTBI e rexeita calquera acción ou delito de odio que atente contra elas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe unha xuntanza, celebrada de xeito virtual, do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero na que se consensuou un comunicado de apoio aos dereitos do colectivo LGTBI e de rexeitamento de calquera forma de discriminación por razón de orientación sexual, identidade de xénero ou características sexuais das persoas.

As entidades que integran o Observatorio referendaron un comunicado no que condenan calquera acción ou delito de odio contra as persoas LGTBI. “Defendemos o compromiso de todas as administracións no deseño de políticas decididas; de todos os axentes implicados para perseguir coa lei na man estes comportamentos inconcibibles; e do conxunto da sociedade galega, que ten un papel fundamental para valorizar a diversidade afectiva, sexual e de xénero”, afirman.

“Galicia e os galegos somos maioritariamente unha sociedade inclusiva, igualitaria e a meirande parte dos galegos queremos vivir libremente” fronte aos discursos centrados no odio e nos prexuízos, aseverou Lorenzana ao remate da reunión.

A declaración do Observatorio galego pretende ser unha mostra de compromiso real de toda a Comunidade na defensa dos dereitos dos colectivos LGTBI, ao amosar o desexo de traballar por unha Galicia inclusiva, igualitaria, respectuosa, xusta e democrática para “abrazar unha verdadeira cultura da diversidade fronte aos discursos do odio e dos prexuízos”.

O Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero é un órgano colexiado, con carácter consultivo e de participación social. Está integrado pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as tres universidades galegas, os sindicatos UXT, CCOO, CDIF e CIG e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Ademais é un órgano aberto á participación de todas as entidades que traballan na Comunidade na defensa do colectivo LGTBI, e conta actualmente con presenza de Nós Mesmas, Casco A Coruña, A.L.A.S. A Coruña, LesCoruña, Avante LGTB, Chrysallis Galicia, Pvlse de Vigo e a Rede educativa de apoio LGTBI+ de Galicia.

A xuntanza de hoxe permitiu sacar adiante o regulamento de funcionamento deste órgano, no que se inclúe un procedemento específico para a tramitación de denuncias presentadas polas organizacións que o integran, como por parte da cidadanía.

6 de xullo de 2021 | 16:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.