publicidade hoxe

O Instituto de Medicina Legal de Galicia realizou no 2020 máis de 25.880 informes periciais médicos, psicolóxicos e sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a directora en funcións do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Ana Belén Pérez, presentaron hoxe en rolda de prensa o balance de actividade do Imelga durante o ano 2020, tanto no ámbito da clínica forense -que abarca as pericias demandadas polas autoridades xudiciais- como no de patoloxía forense -que se dedica a investigación das causas e circunstancias da morte-. A memoria pode consultarse na web da Xunta, na ligazón https://cpxt.xunta.gal/xustiza/imelga.

Nun ano no que a actividade estivo marcada pola pandemia, solicitáronse 25.884 probas periciais, tanto clínicas como patolóxicas. No ámbito da clínica forense, as solicitudes foron 24.026, o que supón o 92,82% da demanda pericial global. Destas demandas, 23.065 proceden do ámbito xudicial e, polo tanto, van dirixidas a médicos forenses, psicólogos e traballadores sociais, aos que se lles asignan distintas avaliacións en función do seu campo competencial, coñecementos específicos e experiencia. E 961 corresponden a demandas extraxudiciais de pericia particular.

A demanda global de pericias de tipo médico foi de 8.519 informes, con dous tipos de pericia: o estudo médico legal de lesións e a determinación de capacidade psicofísica, o que supón un 41,5% das solicitudes aos médicos forenses. Por primeira vez, a demanda no campo da psiquiatría forense supera a solicitude de lesións, cun total de 10.200, o que supón un 49,7% da demanda total.

No apartado da pericia psicolóxica forense, a demanda foi de 1.967 solicitudes, o que supón un 8,5% da demanda xudicial, en tanto que na social sumou 1.544 casos, o que supón un 6,6% da demanda xudicial.

O servizo de Patoloxía Forense encárgase de todas as pericias que teñen por obxecto coñecer a causa e circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. En 2020 a actividade reduciuse con respecto ao ano anterior. No caso das mortes violentas, a diminución afectou tanto aos accidentes como aos suicidios e homicidios, de tal maneira que se investigaron 887 mortes violentas e 931 naturais, cun total de 1.818 autopsias, cando no 2019 se realizaron 2.008.

Un ano máis, no caso das mortes naturais, a patoloxía máis numerosa foi a cardiovascular, que supuxo o 74,7% do total. Nestes casos a morte preséntase de forma súbita, en persoas sanas, polo que en moitas ocasións derívanse á investigación xudicial aínda que non haxa sospeita de criminalidade. A continuación, e con moita diferenza, sitúanse outras causas como patoloxías respiratorias ou dixestivas.

En canto ás mortes violentas, as máis frecuentes foron as accidentais con 565 casos, que supuxeron o 63,9% do total. A maioría das mortes accidentais foron causadas por traumatismos de distinto tipo, fundamentalmente por caídas fortuítas ou accidentes de tráfico. Logo das mortes accidentais, seguiron en importancia os suicidios, con 307 casos, un 34,6% do total, aínda que baixaron lixeiramente respecto do ano anterior. E, por último, sitúanse os homicidios, con 15 casos, dous menos que no ano anterior.

27 de xullo de 2021 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.