publicidade hoxe

O DOG publica o cambio de titularidade a prol do Concello de Cabana de Bergantiños de dous treitos antigos da estrada AC-429

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o cambio de titularidade a prol do Concello de Cabana de Bergantiños de dous treitos antigos da estrada autonómica AC-429, que comunica Ponteceso e Laxe.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 24 de xuño: https://xurl.es/aqhkx

O Concello solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade de dous treitos desta antiga estrada que atravesan o municipio, situados na marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 2+720 e 2+940 e os puntos 6+890 e 7+000.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña, formula a proposta favorable de transferencia dos citados tramos antigos da AC-429: o primeiro, duns 156 metros de lonxitude, e o segundo, duns 103 metros, en ambos os dous casos sen funcionalidade dentro da rede de estradas autonómicas.

A transferencia a prol do Concello de Cabana de Bergantiños tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

O cambio de titularidade será efectivo desde mañá. A partir da entrega, correspóndenlle ao Concello de Cabana de Bergantiños todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria.

8 de xullo de 2021 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.