publicidade hoxe

O Diario Oficial de Galicia publica o novo catálogo de estradas autonómicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o novo Catálogo de estradas autonómicas, aprobado mediante decreto polo Consello da Xunta o pasado día 24 de xuño.

O documento, que estará en vigor desde mañá, actualiza e adapta o catálogo á normativa vixente en materia de estradas, substituíndo a relación de vías autonómicas aprobada no ano 2003, o que permitirá tamén unha xestión das vías que responda mellor á súa funcionalidade actual. Para isto, este inventario someteuse a información pública en marzo coa fin de que calquera persoa física ou xurídica puidese formular as alegacións que estimase pertinentes. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://xurl.es/9bmvt

O Catálogo da Rede Autonómica de Estradas de Galicia contén a clasificación das autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas convencionais, a súa denominación, os puntos inicial e final de cada un dos treitos e a súa respectiva lonxitude e a súa representación gráfica.

Este rexistro tamén categoriza funcionalmente as estradas en rede estruturante, complementaria e local. Dos 5.508,26 quilómetros totais, 1.312,80 pertencen á primeira, 1.359,99 á segunda e 2.835,47 á terceira.

Esta división fundaméntase na categoría dos núcleos urbanos ou centros de actividade aos que serve, así como na función que desempeñe en relación coa ordenación do territorio e o sistema de transporte. Esta categorización apóiase na xerarquía que as Directrices de Ordenación do Territorio establecen para os núcleos de poboación galegos.

A rede estruturante está formada polos grandes eixes autonómicos que, xunto coa rede de estradas do Estado, vertebran o territorio e conectan con Portugal, Asturias e Castela e León: os espazos urbanos; os nodos do sistema urbano intermedio; os aeroportos e portos de interese xeral do Estado.

A rede complementaria está integrada polas estradas autonómicas que, xunto coa rede de estradas do Estado e a rede estruturante, conectan os nodos para o equilibrio do territorio. Ademais, son as que constitúen o principal acceso aos parques empresariais e ás estacións de ferrocarril de alta velocidade, cando non se acceda a través doutras estradas.

A rede local está formada por todas as estradas autonómicas non incluídas na rede de estradas do Estado, na rede estruturante ou na rede complementaria.

Esta clasificación funcional implica tamén que é precisa unha maior protección do dominio público viario no caso das redes de maior xerarquía, e pódese reducir no caso da rede local.

Así, a liña límite de edificación, establecida en 15 metros no caso de estradas convencionais, rebaixarase a 7 metros para a rede local unha vez entre en vigor o decreto polo que se aproba o Catálogo de estradas, o cal beneficiará aos veciños e á actividade económica.

8 de xullo de 2021 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.