publicidade hoxe

O Diario Oficial da Unión Europea anuncia a licitación das obras da estación da terminal de autobuses e dos elementos comúns da intermodal da Coruña por 35 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia publicou hoxe no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o anuncio previo de licitación das obras de construción da terminal de autobuses e dos elementos comúns da estación intermodal da Coruña, por un investimento estimado de 35 millóns de euros.

No seguinte enlace pode consultarse o anuncio no Diario Oficial da Unión Europea: https://ted.europa.eu/TED/notice/udl.

Este trámite permite a próxima contratación das obras que vai executar pola Xunta: a nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que financia integramente a Administración autonómica; o aparcadoiro que financia o Concello da Coruña; e os elementos comúns integrados na área da intermodal de San Cristóbal, cuxo custo asume maioritariamente Adif, e tamén o Concello da Coruña.

Este novo paso permite axilizar os prazos de contratación das obras que prevé licitar a Administración autonómica como encargada da xestión e execución destas obras. Isto será posible no momento que o Concello da Coruña e Adif acepten e asinen a proposta de convenio remitida en xuño pola Xunta, que simplifica e xunta nun único acordo a colaboración para incorporar á cidade ao mapa da intermodalidade, fixando os termos concretos do reparto do financiamento e da execución das obras.

O pasado mes de maio se formalizou o convenio marco de colaboración entre a Xunta, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o Concello da Coruña, para materializar un investimento conxunto de case 80 M€ para o desenvolvemento da estación intermodal, que debe concretarse agora nun convenio de desenvolvemento.

A nova estación de autobuses intermodal

A Xunta será a encargada de financiar a nova estación de autobuses integrarase na actual estación de ferrocarril no espazo existente entre a avenida da Sardiñeira e as vías ferroviarias, posibilitando que ambas as terminais conformen unha área de transporte intermodal, que integre o transporte público de viaxeiros en autobús co tren na cidade. Baixo a laxa da terminal de autobuses executarase tamén o aparcadoiro de turismos da área intermodal, con máis de 350 prazas.

Co obxecto de optimizar a coordinación das obras que se desenvolverán na área intermodal, executarase, conxuntamente e no mesmo contrato de obra, a actuación de elementos comúns da remodelación da estación ferroviaria e a terminal de autobuses, que incorpora as infraestruturas ou instalacións que sexan compartidas por ambas as estacións, garantindo a independencia e compatibilidade construtiva entre ambas.

As obras son susceptibles de cofinanciamento no marco do programa europeo Next Generation UE, fronte á pandemia da covid-19.

A Xunta segue a traballar no impulso deste proxecto estratéxico para dotar á cidade herculina dunha infraestrutura que funcione como un gran centro de transporte público e permita o intercambio entre o autobús en cuestión de poucos minutos. Trátase de facilitar o desenvolvemento da estación intermodal da cidade, como xa se fixo en Ourense ou Santiago de Compostela, que hoxe teñen estas infraestruturas xa en funcionamento e ao servizo de veciños e usuarios.

23 de xullo de 2021 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.