publicidade hoxe

O calendario laboral para 2022 terá como festivos propios os días das Letras Galegas e de San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galicia para o próximo ano no que a Comunidade galega terá como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e de San Xoán (24 de xuño).

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (15 de abril en 2022), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2022 hai dous festivos nacionais que coinciden en domingo: o 1 de maio (día do Traballo), que se substitúe polo 17 de maio, día das Letras Galegas; e o 25 de decembro (Nadal), que se cambia polo día de San Xoán (24 de xuño).

Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2022 se celebrará o 15 de abril), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.

Calendario Laboral 2022

Aninovo: 1 de xaneiro (sábado)
Epifanía do Señor (Día de Reis): 6 de xaneiro (xoves)
Xoves Santo: 14 de abril (xoves)
Venres Santo: 15 de abril (venres)
Letras Galegas: 17 de maio (martes)
San Xoán: 24 xuño (venres)
Día Nacional de Galicia: 25 xullo (luns)
Asunción da Virxe: 15 agosto (luns)
Festa Nacional de España: 12 de outubro (mércores)
Todos os Santos: 1 de novembro (martes)
Día da Constitución Española: 6 de decembro (martes)
Inmaculada Concepción: 8 de decembro (xoves)

7 de xullo de 2021 | 11:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.