publicidade hoxe

Galicia incrementa a súa capacidade diagnóstica cun acordo coas oficinas de farmacia para integrar no sistema público os resultados dos autotest realizados nelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa, do incremento da capacidade diagnóstica que terá a comunidade galega, tras aprobarse a venda de autotest nas oficinas de farmacia e asinarse un acordo entre a Xunta e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde.

O titular de Sanidade anunciou tamén que este acordo permitirá que as farmacias expidan documentos acreditativos de resultado negativo cando a toma da mostra se faga na propia oficina, e baixo o asesoramento do persoal farmacéutico. Estes documentos, serán expedidos de balde, e terán validez para seren presentados naquelas actividades restrinxidas dentro da comunidade galega que requiren acreditar un resultado negativo de proba diagnóstica para o seu acceso.

No caso de que se opte por realizar as probas noutro lugar distinto ás oficinas de farmacia, o documento non terá validez ao non poderse acreditar nin a identidade da persoas, nin o procedemento da toma de mostra. Con todo, as persoas que realicen un test no seu domicilio, ou noutro lugar, terán habilitado un circuíto directo a través do teléfono 900 400 116, no que se poderá poñer en coñecemento un resultado positivo, para incorporar os datos aos rexistros do sistema público de saúde. Deste xeito, solicitarase directamente a realización da pertinente proba PCR ou a atención sanitaria no caso de presentar síntomas. Así, evítase a necesidade de chamar ou acudir aos centros de saúde para solicitar a realización desta proba.

O presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, Alejandro Sánchez, detallou o novo procedemento no que os profesionais de farmacia, tras comprobar a identidade da persoa usuaria e asinar un consentimento informado, verificarán a correcta toma da mostra para, posteriormente, procesala, e introducir os resultados no rexistro informático da Consellería de Sanidade.
No que atinxe ao Plan de vacinación galego, o titular de Sanidade apuntou que “Galicia ten ao 75,9% da súa poboación con alo menos unha dose e, ao 69% coa súa pauta completa”. Así mesmo, explicou que a porcentaxe de persoas maiores de 40 anos, con dúas doses, supera xa o 93%.

En canto á presión asistencial dos centros sanitarios galegos, remarcou o conselleiro, “a súa evolución nas últimas é preocupante, malia que Galicia atópase entre as dúas comunidades autónomas cunha menor porcentaxe de ocupación Covid tanto de camas de hospitalización como de críticos”. Con todo, o titular de Sanidade salientou que a situación actual está a permitir aos hospitais galegos desenvolver o seu Plan de Recuperación de actividade, así como reducir os tempos de espera, respecto do pasado ano.

García Comesaña lanzou unha mensaxe de prudencia e fixo un chamamento, dirixido sobre todo á poboación moza, a participar nos cribados organizados por Sanidade.

Pola súa parte, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, precisou que a situación epidemiolóxica en Galicia “non é boa”, pois os datos empeoraron con respecto aos da semana pasada. Neste senso, a responsable de Saúde Pública destacou que a comunidade conta arestora cunha incidencia acumulada a 7 días de 345 casos por 100.000 habitantes, e de case 675 casos no seu computo a 14 días.

En canto á taxa de positividade en Galicia, nestes intres sitúase no 12.3%, catro puntos por debaixo da media nacional, que se atopa no 16.25%. A directora xeral tamén apuntou durante a súa intervención o número de casos detectados en Galicia nas diferentes variantes do coronavirus. Así, na comunidade galega a variante Delta xa é predominante, cunha circulación do 66%, e 175 casos secuenciados. Pola súa banda a variante Alfa ten unha presenza do 28%, con 888 casos secuenciados na comunidade, moi por riba dos 83 casos secuenciados da variante brasileira.

Doce concellos en nivel máximo

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar, na súa xuntanza desta tarde, o nivel máximo de restricións para os concellos de Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro, Monterroso, Boiro, O Barco de Valdeorras, Cambados, Meaño, O Grove e Sanxenxo.

Así mesmo, tamén determinou o nivel alto de restricións en 48 municipios. Nomeadamente nos concellos da Pobra do Caramiñal, A Coruña, Ames, As Pontes, Arteixo, Cambre, Cariño, Culleredo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ortigueira, Lugo, Chantada, Monforte de Lemos, Ourense, Verín, Bueu, A Guarda, Meis, Moaña, Mos, Pontevedra, Ponte Caldelas, Porriño, Redondela, Ribadumia, Soutomaior, Vigo, Melide, Carballo, Fisterra, Oleiros, Arzúa, Ribeira, Cervo, Ribadeo, Avión, Barbadás, O Carballiño, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Marín, Poio, Gondomar, Nigrán, O Rosal e Tomiño.

Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos seguinte 52 concellos: Beariz, Boborás, Caldas de Reis, Maceda, Mondoñedo, Noia, Oroso, Pereiro de Aguiar, Pontecesures, Ribadavia, Sada, San Cibrao das Viñas, Sarria, Silleda, Teo, Tui, Vilalba, Vilamartín de Valdeorras, Vimianzo, Bergondo, Brión, A Capela, Carnota, Cedeira, Cee, Corcubión, Coristanco, Curtis, Narón, Outes, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Toques, Valdoviño, Barreiros, Rábade, O Valadouro, Celanova, Coles, Monterrei, Pobra de Trives, Riós, A Rúa, Arbo, Barro, A Cañiza, Cangas, A Lama, Ponteareas, As Neves e Vilaboa.

Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 31 de xullo.

28 de xullo de 2021 | 22:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.