publicidade hoxe

Galicia blinda o futuro do seu patrimonio e cultura marítima co deseño dun plan de acción ata 2030 para a súa protección

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaOutesPortada esquerda
A-
A+
A Conselleira do Mar tras a sinatura do convenio coa UDC

A Conselleira do Mar tras a sinatura do convenio coa UDC

A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou hoxe un convenio de colaboración co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, e o presidente do padroado da Fundación Universidade da Coruña (FUAC), José María Barja, para a elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030. Este acordo, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 2 de xuño, permitirá deseñar un plan de accións para protexer o patrimonio e a cultura marítima de Galicia e blindar o seu futuro.

O obxectivo deste convenio é redactar un documento base do plan no que se recollerán as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023 así como os pasos a seguir nos seguintes anos coa finalidade de preservar a cultura marítima da comunidade. A titular de Mar salientou que esta medida se enmarca na aposta da Xunta por poñer en valor e recuperar o patrimonio marítimo de Galicia, polo que o traballo abarcará todo o litoral de Galicia co obxectivo de definir as liñas das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo.

A colaboración -que estará vixente ata o 31 de decembro de 2023 con opción de prórroga- tradúcese nunha investigación dirixida polo profesor e experto na materia Óscar Fuertes para definir as liñas de traballo principais establecendo compromisos, liñas estratéxicas e accións para os vindeiros exercicios. Ao mesmo tempo, crearanse grupos de traballo con expertos vencellados co sector do mar, coas principais asociacións da cultura marítima e outros axentes relacionados con este ámbito.

Este traballo, que conta con preto de 200.000 euros de financiamento da Consellería do Mar para sufragar o seu custo, realizarase en seis fases co obxectivo de ter un plan da cultura marítima de Galicia vivo, que poida irse adaptando ás circunstancias e aos cambios que se produzan. Trátase de analizar o patrimonio cultural da comunidade, mellorar o coñecemento sobre el e avanzar na súa conservación.

A representante do Executivo galego salientou que o Plan da cultura marítima de Galicia se baseará na defensa dos valores culturais e marítimos da comunidade e constituirá unha parte fundamental da identidade do pobo galego, reforzando a súa protección e deixando un importante legado para as xeracións vindeiras.

Acto simbólico

A sinatura do convenio fíxose nun acto simbólico a bordo do balandro Joaquín Vieta, o veleiro máis antigo de Galicia, construído entre 1915 e 1916 nunha carpintería de ribeira do Freixo (Outes). Esta embarcación é un gran símbolo da cultura mariñeira galega, que a conselleira do Mar enxalzou como unha digna representación da cultura marítima de Galicia e historia e patrimonio da comunidade.

Rosa Quintana incidiu en que este balandro é a mostra de que a cultura marítima de Galicia segue viva e, a diferenza doutros países nos que este tipo de embarcacións só se atopan nos museos, a comunidade conta con importantes museos flotantes que é preciso protexer e conservar.

5 de xullo de 2021 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.