publicidade hoxe

Establécese a veda do choco na ría de Arousa entre o 1 de agosto e o 30 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Mar pola que se establece a veda para a pesca do choco na ría de Arousa, que comezará o 1 de agosto e se prolongará ata o 30 de outubro, ambos días incluídos. A Xunta establece este ano por terceira vez esta medida no litoral arousán atendendo a unha solicitude da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, que conta co apoio da maioría das confrarías da ría de Arousa, tras comprobar a súa viabilidade biolóxica.

Deste xeito, queda prohibida durante ese período a captura, tenencia a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes e tamén para a pesca marítima de recreo nas augas máis interiores. É dicir, a medida aplícase por dentro das liñas de referencia do anexo III recollido no decreto polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia de Galicia.

Con esta prohibición da captura do choco perséguese “o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos”, obxectivo marcado pola Lei de Pesca de Galicia.

A veda na ría de Arousa súmase ás xa decretadas tanto na ría de Vigo como na de Pontevedra para esta especie. A prohibición de capturar o choco na ría de Pontevedra está vixente desde o pasado 5 de xullo e estenderase ata o 31 de outubro mentres que na ría de Vigo comezou o 19 de xullo e rematará tamén o 31 de outubro.

29 de xullo de 2021 | 11:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.