publicidade hoxe

A Xunta reforza o Centro Dramático Galego como motor de creación escénica con máis de 123 funcións en 2021

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Centro Dramático Galego (CDG) reforzouse no último ano como motor de creación escénica apostando pola produción de espectáculos co foco posto na vocación de servizo público e de compromiso co sector. Así o manifestou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, na intervención parlamentaria ante a Comisión 4ª de Educación e Cultura para facer balance da actividade da unidade de produción teatral da Xunta. Sutil fixo un percorrido polas diversas iniciativas impulsadas polo CDG nun contexto de especial incerteza e dificultade no eido cultural, por mor das restricións derivadas da pandemia.

Segundo sinalou o director da Agadic, o Salón Teatro, sede do CDG en Santiago de Compostela, acolleu ao longo deste período espectáculos, residencias e formación “sendo un espazo vivo, seguro, dinámico, de participación e en constante diálogo coa cidadanía e co sector”. Ademais, prestóuselle atención “ao conxunto do territorio galego e a tecer pontes con outros lugares, especialmente co veciño Portugal”, engadiu. Nesta liña referiuse ás 123 funcións programadas en 2021, das que 43 serán en xira, “unha das maiores dos últimos anos” e á presenza en máis dun cento de concellos de proxectos propios ou nos que colabora o CDG.

O maior impulso nunha década

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou as tres producións propias do ano, con O charco de Ulises e Terceiro acto, xa estreadas e que volverán aos escenarios neste segundo semestre, ás que se lle unirá Serva me, servabo te en setembro, no que representa “o maior impulso á dramaturxia galega contemporánea da última década e posiblemente da historia do CDG nunha tempada”, afirmou. Isto supuxo un investimento de case 800.000 euros e a implicación directa dun equipo de máis de 50 profesionais.

Tamén salientou A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, estreada a pasada semana en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga no prestixioso Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e que chega o sábado a Galicia no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, “un dos nosos festivais máis importantes”.

Outra mostra do traballo do CDG como motor de creación escénica apuntada na intervención constitúena as numerosas coproducións realizadas ao longo do ano, tanto con compañías como con outros espazos, ou mesmo co Centro Dramático Nacional a través do proxecto Dramawalker Vite, presentado en xuño.

O impulso á dramaturxia galega é tamén un dos eixes de acción da unidade de produción teatral da Xunta, no que o director da Agadic enmarcou, ademais das producións, o desenvolvemento de accións formativas, a participación en torneos de dramaturxia ou a nova bolsa de dramaturxia e de creación, un proceso único e pioneiro para acompañar un proxecto escénico desde a idea ata a distribución e que conta co apoio de todo o sector.

Achegamento á cidadanía

No marco da vocación de servizo público do Centro Dramático Galego, Jacobo Sutil salientou iniciativas como o proxecto piloto que puxo á disposición dos concellos autobuses para facilitarlle á veciñanza a asistencia ás funcións do Salón Teatro, ou a colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración a prol do acceso en liña aos espectáculos para a comunidade galega no exterior de máis de vinte países.

O labor didáctico foi outra das apostas do CDG no último ano, segundo indicou o director. Ante a imposibilidade de realizar visitas escolares presenciais, creouse un programa en liña para facer percorridos virtuais polas instalacións e a historia do Salón Teatro, con máis de 30 visitas nas que participaron máis de 2000 estudantes de centros educativos de todo o territorio galego. Nesta liña, afondouse na colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), con encontros entre profesionais do CDG e o alumnado dos últimos cursos para reforzar as pontes entre a formación e o sector.

A sinatura do acordo Temporadas de igualdade co colectivo Clásicas e modernas, a prol da paridade, e a potenciación do teatro inclusivo con funcións adaptadas ás persoas con necesidades específicas son outras das iniciativas nas que se puxo especial énfase na intervención parlamentaria como proba da oferta de “proxectos culturais de calidade e accesibles” que caracteriza o labor realizado polo CDG.

7 de xullo de 2021 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.