publicidade hoxe

A Xunta reforza a actividade científica de 113 grupos de investigación cunha inxección de 24 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de resolver no Diario Oficial de Galicia as axudas para o funcionamento dos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i para o período 2021-2025, que supoñen unha inxección de 24 millóns de euros por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A través desta resolución conxunta entre ambos departamentos, o Goberno galego financia o funcionamento estrutural e estable dun total de 95 grupos de investigación do sistema de I+D+i de Galicia e 33 proxectos, 90 deles nas tres universidades públicas e os outros 23 noutros organismos científicos públicos como as fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación universitaria que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.

Con cargo a esta liña de axudas, o Goberno galego leva mobilizado máis de 175,5 millóns de euros para estas entidades grupais, o que garante que a día de hoxe haxa 276 grupos cunha actividade investigadora constante (240 deles no Sistema Universitario Galego e outros 41 noutras entidades investigadoras).

Dos 113 beneficiados, 62 están constituídos como Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), 33 Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B), e 18 son Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C).

Grupos de Referencia Competitiva

Nesta convocatoria benefícianse un total de 62 Grupos de Referencia Competitiva (modalidade A), a razón de 55 nas universidades públicas galegas e sete noutros organismos de investigación. Estes grupos caracterízanse por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.

Neste caso o orzamento é de 18M€ e as axudas teñen unha duración máxima de catro anos. O importe total de cada unha das axudas vén determinado por unha contía estrutural máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación, e distribúense por anualidades de acordo a un módulo fixo anual e outro variable.

Grupos de Potencial Crecemento

Os Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B) son aqueles que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

Neste caso hai 33 beneficiados (24 grupos nas universidades e nove noutras entidades investigadoras), que disporán de axudas ao longo de tres anos cunha contía máxima de 20.000€ na primeira e de 35.000€ na segunda e terceira. A contía total que se mobiliza nesta modalidade ascende a 3M€.

Proxectos de excelencia

A Modalidade C, destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, benefícianse un total de 18 proxectos (11 deles nas universidades e sete noutras entidades investigadoras). Cunha dotación orzamentaria de 2,815M€ refórzase o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do Programa Ramón y Cajal, do Miguel Servert ou do Juan Rodés, os máis prestixiosos de Europa e de España respectivamente.

Conceptos subvencionables

A través destas axudas, os beneficiarios das tres modalidades poden financiar o custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións informáticas, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas; e formación do persoal do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas, así como a viaxes e axudas de custo de membros do grupo para a actividade obxecto da axuda.

Tamén son conceptos subvencionables a contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultaría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.

Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas de apoio económico por parte do Goberno galego para a consolidación dun sistema galego de I+D+I que camiñe cara á excelencia e cara ao recoñecemento internacional, a través de convocatorias como esta ou as dirixidas ás estruturas supragrupais, como son os oito centros de investigación acreditados das tres universidades galegas (que se van agrupar baixo o selo identificativo CIGUS) cun financiamento de 18M€.

12 de xullo de 2021 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.