publicidade hoxe

A Xunta outorga axudas a 7 asociacións profesionais e empresariais para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia cun investimento de 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixo pública hoxe a resolución coa listaxe das 7 asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, que se corresponden coa convocatoria do ano 2021.

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) poden consultarse as subvencións concedidas a cada unha desta entidades, que acadan un investimento da Xunta de 400.000 euros: https://xurl.es/203m6

Estas axudas van dirixidas ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes (asociacións ou federacións de transportistas), co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo sobre materias de maior interese para os profesionais do sector.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade distribuíu estas axudas entre aqueles plans formativos que acadaron as maiores puntuacións, atendendo aos diversos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte, o seu menor custo ou a promoción do idioma galego.

O obxectivo que persegue o departamento de Mobilidade da Xunta con estas axudas é que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

No ano 2020 realizáronse 1.139 cursos ao abeiro destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dos que se beneficiaron un total de 11.351 alumnos.

Xustificación das accións formativas

O día 12 de marzo o departamento de Mobilidade da Xunta abriu a convocatoria deste ano para solicitar as axudas de formación dos profesionais do sector do transporte por estrada.

Agora, as entidades integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada que resultaron beneficiarias teñen ata o vindeiro día 2 de novembro de 2021 para presentar a documentación xustificativa das accións formativas realizadas ao abeiro desta nova convocatoria.

13 de xullo de 2021 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.