publicidade hoxe

A Xunta lanza o Bono Autónomo, con 5,5 millóns de euros para apoiar a consolidación de 2000 negocios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar hoxe a orde de convocatoria do Bono Autónomo, unha liña de apoios, xa na súa quinta edición, que a Xunta de Galicia lanza para axudar ás persoas traballadoras por conta propia. Estes apoios están dotados dun investimento de 5,5 millóns de euros encamiñados á mellora do rendemento empresarial e profesional dos autónomos cunha antigüidade superior aos 42 meses.

O Bono Autónomo conta con dúas liñas de axudas de ata 3.000 euros para mellorar a actividade das persoas autónomas. Dunha banda está o fornecemento dos servizos dedicados á investigación de mercado e plans de márketing, comunicación, estratexia, crecemento, refinanciamento ou reorientación do negocio, xunto cos encamiñados ao emprego de tecnoloxías en liña. Así mesmo, contémplanse axudas para outros estudos ou plans que teñan como meta incrementar a capacidade da actividade empresarial. Doutra banda investirase no relacionado coa adquisición de maquinaria e mobiliario, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos; con apoios contemplados, tamén, para a reforma do local, a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio. Esta dotación ven cubrir os gastos realizados pola empresa nestes eidos ata o 31 de decembro.

A medida súmase aos 3 plans de rescate e outras axudas directas de apoio ao emprego que suman un investimento de 587 millóns e poderá ser solicitada ata o 12 de agosto. Estes apoios están na liña de traballo do goberno galego en relación á robustez do mercado laboral na Comunidade, como son as axudas para a promoción do emprego autónomo, que impulsan o inicio da actividade; as destinadas a apoiar a contratación indefinida das persoas asalariadas ata a terceira persoa contratada; os incentivos á consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, así como os apoios ás asociacións de autónomos.

Este Bono Autónomo insírese dentro dun eixo de actuación principal para a Xunta: a consolidación das persoas autónomas, cunha especial atención ás mulleres, sendo Galicia a Comunidade cun maior número de autónomas, cinco puntos por riba da media española. O Executivo galego segue a poñer en marcha medidas sempre tomadas en base ao diálogo con este colectivo estratéxico, co afán de acompañalo no seu crecemento e éxito.

12 de xullo de 2021 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.