publicidade hoxe

A Xunta impulsa o uso de enerxías renovables en 94 edificios públicos da administración autonómica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, informou esta mañá de que a Xunta vai impulsar o uso de enerxías renovables nun total de 94 edificios públicos a través de proxectos que se executarán entre este ano e o que vén.

As actuacións realizaranse a través de convenios entre o Inega, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e diferentes departamentos e organismos públicos autonómicos, en concreto: o Sergas, A Axencia Turismo de Galicia, a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Portos de Galicia, así como as consellerías de Cultura, Educación e Universidades e do Medio Rural.

En total, a Xunta de Galicia ten previsto investir 6,05M€ en proxectos que van permitir aforros económicos de 402.700 euros ao ano e enerxéticos de 8000MWh/ano. Ademais conseguirase unha redución de emisións de CO2 de 2300 toneladas.

Tal e como explicou a directora, apoiaranse proxectos de fotovoltaica para autoconsumo no CHUAC, o Hospital Materno Infantil e o Hospital Virxe da Xunqueira, da área sanitaria da Coruña; e o Hospital do Barbanza, da área sanitaria de Santiago de Compostela, así como en 35 centros de saúde de toda a xeografía galega. Tamén se realizarán proxectos de biomasa nos albergues Arca do Pino (O Pedrouzo) e Palas de Rei; así como no edificio do CIS Madeira en San Cibrao das Viñas. Con Portos de Galicia acordarase a implantación dun proxecto de fotovoltaica en Ribeira.

No eido educativo, implantaranse cinco redes de calor que darán servizo a 25 edificios educativos en Ourense, Lugo, Lalín, no barrio de Coia (Vigo) e Santiago; tamén se instalarán proxectos de fotovoltaica en 14 centros educativos. Por outra parte, implantaranse proxectos de enerxías renovables en 12 puntos de encontro.

Este investimento enmárcase tanto na Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público autonómico como na Estratexia integral de impulso á biomasa con fins térmicos. Dan continuidade aos 5,18M€ investidos nos dous últimos anos para realizar proxectos de renovables en catro Institutos de Educación Secundaria e no Complexo Administrativo da Xunqueira; en dúas residencias, un centro de menores e outro de atención a dependentes; en tres albergues, no Complexo Administrativo da Barcia; e en 24 centros de saúde. Iniciativas que, no seu conxunto, permiten aforros anuais de preto de 300.000 euros e enerxéticos de 7.427MWh/ano.

Con este tipo de actuación a Xunta pretende ser un exemplo para o resto de sociedade, empresas, administracións e entidades, co obxectivo de promover un cambio cultural no que se aposte polo uso de enerxías limpas e renovables, así como polo aforro enerxético para seguir avanzando nunha Galicia máis verde.

5 de xullo de 2021 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.