publicidade hoxe

A Xunta diríxese ao Estado para que flexibilice as condicións do 3º Plan de Rescate e facilite que as axudas cheguen aos sectores afectados pola covid-19

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe en rolda de prensa que vén de remitir á vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, e á ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, unha carta na que lles pide que se modifique o Real Decreto-lei 5/2021 do 12 de marzo para que as axudas económicas do terceiro Plan de rescate cheguen aos sectores afectados pola covid-19.

Nas misivas, o Goberno galego demanda que se flexibilicen as condicións de acceso a estes apoios, insistindo en que se elimine a necesidade de que as axudas estean destinadas ao pago das débedas, esixindo simplemente un descenso na caída do volume de operacións do 30% en 2020 con respecto a 2019; e que tamén se rexeiten os criterios porcentuais polos que se calcula a contía máxima a percibir, determinados no artigo 3.2 do Real Decreto, xa que, segundo explicou a conselleira, son “farragosos e gravosos para os solicitantes”.

Lorenzana apuntou que para acceder a estes apoios ten que ser suficiente con que concorra o requisito de especial afección pola pandemia, xustificado por unha caída do volume de facturación, sen necesidade de concretar o destino que debe darse ás axudas por parte dos beneficiarios. A conselleira lembrou que así se fixo “con acerto” nos dous primeiros plans de rescate deseñados pola Xunta con fondos autonómicos e a través dos que se mobilizaron 416 millóns de euros.

En palabras de Lorenzana, estase a demostrar que os criterios “complexos e ríxidos” establecidos polo Goberno central “non están a funcionar”. Así, apuntou que a través dos dous plans de rescate autonómicos rexistráronse máis de 80.000 solicitudes (aproximadamente 40.000 en cada convocatoria) fronte ás 4.000 do terceiro plan (un 90% menos). A Xunta considera que a obriga de destinar o importe total das axudas aos pago de débedas devengadas entre o 1 de marzo de 2020 e o 31 de maio de 201 e que, ademais, procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo, tense convertido nun “obstáculo insalvable para milleiros de autónomos e microempresas”.

A conselleira, ao respecto, expuxo que este criterio é “inxusto” para os traballadores que fixeron un esforzo por manter abertos os seus negocios, “tirando moitos deles dos propios recursos e aforros para precisamente non incorrer en débedas” e, agora, non poden acceder.

Ata o 30 de setembro

A Xunta á espera de recibir unha resposta por parte do Estado, flexibilizará, pola súa parte, as condicións dentro da súa marxe de manobra. Así, mañá martes publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación do prazo de solicitude das axudas que rematará o 30 de setembro, e establecerase a caída de facturación en máis dun 30% para todas as actividades económicas, estean ou non incluídas no anexo 1 do Real Decreto do Estado. Ë preciso recordar que ata o de agora a porcentaxe era do 30% para as actividades que se atopan no anexo 1 e do 40% para o resto incorporadas pola Xunta. “Deste xeito, facilitaremos o acceso ás axudas a un número moi importante de actividades”, engadiu.

A titular de Emprego e Igualdade afirmou que estas medidas foron pactadas cos representantes do Diálogo Social e a Mesa de Autónomos, aínda que indicou que resultan “insuficientes”, xa que apuntou que “o principal escollo” para que as empresas poidan acceder aos apoios son os “ríxidos” requisitos impostos polo Goberno central.

A conselleira agarda que o Estado dea unha resposta “positiva e rápida” para axudar aos sectores afectados pola covid-19. “O Goberno central está a tempo de rectificar non só porque o estamos a pedir as comunidades autónomas, senón, sobre todo, porque o están a pedir os sectores que máis necesitan esta inxección de diñeiro”, rematou.

12 de xullo de 2021 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.