publicidade hoxe

A Xunta destina 1,2 millóns de euros nas axudas para subministrar froita fresca, castañas e leite aos centros escolares galegos durante o curso 2021-2022

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que regula o procedemento para a concesión das axudas destinadas a subministrar froita fresca, castañas e leite ao alumnado dos centros escolares galegos durante o curso 2021-2022. A convocatoria conta este ano cun orzamento de 1,2 millóns de euros, financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA), mentres o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) volverá ser subvencionado pola Xunta.

Cada ano, miles de alumnos galegos consomen froita e leite durante o recreo nos centros escolares onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural. En concreto, as achegas dispoñibles para o vindeiro curso escolar superan os 537.000 euros no apartado do leite e os 703.000 euros no caso da froita.

Haberá dous períodos de reparto autorizados, de novembro de 2021 a febreiro de 2022 e de marzo a xuño do ano que vén. En cada período de reparto, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 20 días lectivos seguidos. Os centros escolares participantes teñen que desenvolver os dous programas de reparto: o de froitas frescas e castañas e o de leite.

O prazo para presentar as solicitudes de axuda remata o vindeiro 20 de setembro. Poderán acceder a elas os centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio).

A través desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro. Fomentarase a distribución de produtos galegos, que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co medio ambiente.

15 de xullo de 2021 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.