publicidade hoxe

A Xunta convoca o novo programa de axudas Conecta Covid para que Galicia achegue solucións innovadoras ao contexto actual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas do novo programa Conecta Covid destinado a seguir avanzando en proxectos de I+D+i relacionados coa pandemia ao tempo que se impulsa a transición dixital das pemes galegas. Cun orzamento de 4 millóns de euros co que se prevé mobilizar 6 millóns de investimento público-privado, conta con dúas liñas: unha destinada a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental relacionado coa covid-19 e outra de iniciativas de innovación en produto, vinculada tamén a esta doenza.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, deu conta desta convocatoria tras unha xuntanza que mantivo esta mañá en Santiago coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga). Segundo dixo, os proxectos que se presenten poderán incluír a investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, produtos sanitarios e equipos médicos, desinfectantes e equipos de protección, así como innovacións en procesos. Ao ser un programa flexible, poderán presentarse propostas de entre 150.000 euros e un millón tanto individuais como a través da cooperación de entre dúas a seis empresas.

Logo da xuntanza con Atiga, Conde resaltou o esforzo que vén realizando a Xunta para apoiar o labor dos centros tecnolóxicos galegos con axudas que, desde 2009, suman case 168,5 millóns de euros. O obxectivo neste momento, engadiu, é aliñar o traballo que realizan coas necesidades do tecido empresarial para impulsar unha industria máis dixital e sustentable.

O vicepresidente económico apuntou que, no marco dos fondos europeos Next Generation, a prioridade é que esas axudas cheguen fundamentalmente ás pemes para realizar proxectos transformadores que aposten por novas actividades máis intensivas en coñecemento. Nese sentido, recoñeceu que o dinamismo e o esforzo dos centros tecnolóxicos resulta transcendental para lograr unha maior captación de fondos. E, por iso, apelou á proactividade de todo o sistema de I+D+i en Galicia para facilitar a transferencia de coñecemento ao mercado. “A colaboración público-privada tennos que levar a que os fondos europeos sexan unha solución e unha oportunidade para o noso tecido produtivo”, apostilou.

Conde avanzou que sete empresas galegas —ou asentadas en Galicia— presentaron propostas á manifestación de interese para a implantación de centros de I+D empresarial, o que demostra o potencial do ecosistema galego de innovación para desenvolver iniciativas que xeren fortes investimentos e emprego de calidade e nas que os centros tecnolóxicos son unha peza clave.

Perte automoción

Neste contexto, o vicepresidente económico puxo en cuestión o modo en que o Goberno está a xestionar o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) da automoción por deixar á marxe as comunidades autónomas onde este sector é estratéxico, como é o caso de Galicia, de onde saíron o ano pasado un de cada catro vehículos fabricados en España.

“Hai unha opacidade evidente por parte do Goberno —dixo—, e entendemos que debe rectificar e debe convocar a conferencia sectorial de Industria para poder retomar o diálogo e que os proxectos tractores vinculados coa automoción conten coas comunidades autónomas que temos empresas que están producindo automóbiles en España”. “Galicia ten moito que achegar e a aprobación dun Perte da automoción e o seu desenvolvemento ten que contar coas comunidades autónomas, co tecido produtivo e cos centros tecnolóxicos”, concluíu.

13 de xullo de 2021 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.