publicidade hoxe

A Xunta alleará 61 lotes de madeira por máis de 2,5 millóns de euros nunha próxima poxa pública electrónica en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLugoPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, alleará un total de 61 lotes de madeira por máis de 2,57 millóns de euros na próxima poxa pública electrónica. Ten previsto celebrarse o 15 de setembro na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural en Lugo e, ao igual que nas poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente, os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final.

Os lotes, pertencentes case na súa totalidade a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcio de xestión coa Consellería, suman case 120.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país, piñeiro silvestre e piñeiro insigne. Ademais, 21 dos lotes contan coa certificación forestal sostible PEFC e mesmo un deles contaría coa dobre certificación PEFC e FSC.

Deste xeito, 69.000 toneladas de CO2 foron absorbidas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro. Así, contribúese a acadar os obxectivos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, en concreto aqueles referidos á mitigación do cambio climático e o proceso de descarbonización.

Tanto as empresas participantes como todo aquel interesado poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada para o acontecemento. Precisamente, todo o procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET).

A plataforma ademais non só permite facer consultas, senón tamén buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

Así, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no portal web da Consellería do Medio Rural, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira e o acceso ao videotitorial pode consultarse no seguinte enlace: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas

Apoio da Xunta

Con accións coma esta, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase dentro dos retos e oportunidades demandadas no Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía, contribuíndo deste xeito á descarbonización da sociedade europea.

Neste contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado, seguindo o principio BBB (Building back better) de “Reconstruír de novo facéndoo mellor”

19 de xullo de 2021 | 12:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.