A segunda edición do fondo de proxectos culturais Xacobeo bota a andar coa música de Óscar Ibañez & Tribo e un obradoiro de danza de Kirenia Martínez
Bota a andar a segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 coa posta en marcha das primeiras actividades dos beneficiarios desta edición. Despois dun proceso de valoración dos proxectos presenciais, as empresas culturais e os autónomos do sector seleccionados xa poden facelos realidade ata o 15 de decembro deste ano. As primeiras celebraranse este domingo, a cargo do grupo Óscar Ibañez & Tribo e continuarán a semana que vén cun obradoiro de danza a cargo da coreógrafa e bailarina Kirenia Martínez.
O grupo Óscar Ibáñez & Tribo, liderado polo recoñecido e internacional frautista e gaiteiro Óscar Ibáñez, foi seleccionado polo seu proxecto Porteláns, un espectáculo de música instrumental conducido integramente en lingua galega e creado especialmente no 2020 co gallo do nacemento do célebre gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela. O concerto, que percorre o repertorio máis característico do homenaxeado desde unha perspectiva actual, busca traer ao noso tempo a música tradicional para todos os públicos.
Neste espectáculo, o frautista pontevedrés e a súa tribo, formada polos músicos Fernando Fraga, Harry C., Carlos Calviño, Paco Dicenta e Carlos Castro así coma os seus cinco técnicos, contarán coa colaboración dos artistas Pepe Romero, Jorge Maño e Adrián García, da Banda de Gaitas Suevia; Daniel García e Álvaro Rúa, da Banda de Gaitas Nova Era, e da xilofonista Carla Villanueva.
En total, a banda ofrece ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo dous concertos: o primeiro o vindeiro domingo 11 de xullo ás 22,00 h na praza Mestre Cerviño, no concello de Covelo, e o segundo o 17 de xullo ás 21,30 h no Castelo de Monterrei. As entradas serán de balde en ambos casos até completar a cabida do recinto.
Volven os talleres de danza ao Courel
Outro proxecto beneficiario deste fondo que comeza a súa andadura é Ollo do bosco, da bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez, que repite no Courel cun obradoiro mixto de danza, literatura e interpretación para a creación de públicos culturais. O colexio CPI Uxío Novoneyra de Seoane acollerá esta proposta dividida en dous talleres, un para mulleres e outro para nenos e nenas que tomará como material de partida os contos do poeta do Courel, Uxío Novoneyra.
A primeira sesión para as adultas será o vindeiro martes 13 e celebrarase todos os martes de 19,00 a 20,30 horas. As actividades dirixidas a nenos e nenas serán os mércores e xoves, de 11,00 a 13,00 h. O obradoiro rematará o 3 de setembro cun espectáculo de danza bailando o conto Ilda, o lobo, o corzo e o Xabarín. As persoas interesadas de calquera idade, que poden ser tanto veciñas da serra como emigrantes que volven polo verán ou mesmo turistas poderán inscribirse a través do correo electrónico kireniacma@gmail.com.
Estas son as dúas primeiras iniciativas das máis dun millar aprobadas nesta edición. Música, obradoiros, teatro, monicreques, danza, relatorios, circo ou maxia completan a oferta cultural que a Xunta programará os vindeiros meses en colaboración cos concellos e demais entidades galegas para ofrecerlle á cidadanía sesións de ocio en lingua galega ao tempo que apoia economicamente a un dos sectores máis prexudicados pola crise sanitaria causada pola covid-19.