publicidade hoxe

A banda de rock galego Os Resentidos regresa aos escenarios con Operación Nautilus

Antón Reixa e Valentín García na rolda de prensa

Antón Reixa e Valentín García na rolda de prensa

A Xunta de Galicia colabora cos Resentidos no regreso aos escenarios da ecléctica banda de rock galego case 30 anos despois. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na rolda de prensa de presentación do primeiro concerto da xira Operación Nautilus, que acolle este mesmo sábado, 10 de xullo, a praza do Curro de Portosín, ás 22,00 horas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou na súa intervención “a contribución dos Resentidos á normalización do uso da lingua galega desde o ámbito musical e á súa visibilización e posicionamento do rock galego no panorama nacional”, e recordou “que a mítica peza Galicia caníbal se converteu rapidamente en himno da Movida e se fixo universal ata os nosos días”. “Seguramente non hai galego nin galega que non coñeza ou se recoñeza no seu retrouso, que marcou todo un fito para o rock galego e tamén para a lingua galega”, concluíu.

Canda Valentín García, participaron tamén na presentación, que tivo lugar no Centro de Interpretación do Castro de Baroña, o rexedor sonense, José Luis Oujo, e Antón Reixa, cantante e fundador dos Resentidos.

Nautilus é o nome do disco que trae de novo á actualidade, 28 anos despois, aos Resentidos. Unha homenaxe á fantasía de Jules Verne e ao seu famoso capitán Nemo que, a bordo do seu Nautiulus, percorreu 20000 leguas baixo os mares, con parada en Vigo, a mesma cidade que viu nacer á banda hai case 40 anos, na procura dun tesouro afundido. Fantasía hai tamén na nova música dos Resentidos que, segundo as súas propias palabras, seguen pelexando polo seu propio tesouro, o do rock en galego.

Desde 1993 este é o primeiro álbum de estudio da formación integrada por Antón Reixa, Rubén Losada, Xabier Soto, Gabriel Villar, Xoaquín Seoane, Pablo Vidal e Anxo Graña. En total, 12 temas inéditos para celebrar este regreso, no que ten un papel fundamental Antón Romero, un sonense con trastorno de espectro autista que aos seus 15 anos foi o elixido polo propio Reixa para levar a cabo a proposta visual do disco e que poderá desfrutar en Portosín, a súa localidade natal, do regreso aos escenarios do mítico grupo de rock galego este sábado, 10 de xullo, con entrada libre e de balde ata esgotar a capacidade. Toda a información en www.portodoson.gal.

6 de xullo de 2021 | 15:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.