publicidade hoxe

85 concellos benefícianse das axudas da Xunta para promover o galego desde o ámbito local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Un total de 85 concellos de toda Galicia benefícianse das axudas da Xunta para a promoción do uso da lingua galega, tal e como vén de publicar o Diario Oficial de Galicia. O Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, destina unha partida de 350.000 euros a esta acción, o que supón un incremento do 40% con respecto á dotación orzamentaria de anos anteriores.

Ao abeiro destas axudas, os concellos poderán sufragar os gastos derivados da creación, do reforzamento e do mantemento de unidades técnicas especializadas en lingua galega, así como da programación de actividades específicas coas que dinamizala desde o tecido municipal. Os ámbitos estratéxicos de actuación que se priorizan son o do deporte, o da mocidade, o das TIC, o do tecido económico empresarial, o dos servizos sociais e o da perspectiva de xénero e igualdade entre homes e mulleres.

A convocatoria dálle cumprimento á directriz aprobada polo Consello da Xunta de Galicia en 2013 de impulso á prestación de servizos compartidos entre concellos, a prol dunha maior eficacia, eficiencia e coordinación.

Así, 23 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Ourense concorren e benefícianse dela a través de oito agrupamentos: A Baña e Negreira, Carnota e Mazaricos, Rois e Dodro e os xa pertencentes á entidade supramunicipal da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes (Ordes, Cerceda, Frades, Oroso, Trazo e Tordoia); Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños e mais Boborás e Castrelo de Miño; Quiroga e Rivas de Sil e mais Carballedo e Chantada, respectivamente. Para alén disto, ao abeiro das axudas, o tecido municipal galego contará con servizos lingüísticos de nova creación nos concellos de Noia, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Carballedo e Chantada.

Impulso á recuperación do tecido económico cultural e creativo

A convocatoria enmárcase nas accións de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, entre as que destacan a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), que integra máis de 200 entidades, e os programas e as iniciativas asociados a ela. Neles, ten especial incidencia desde o ano pasado o desenvolvemento da programación de actividades do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, baixo os obxectivos de apoiar este sector e os seus axentes e profesionais no contexto da covid-19, promover iniciativas que sirvan para acelerar a recuperación do tecido económico cultural e creativo galego e poñer a disposición da cidadanía unha oferta cultural e lingüística de calidade.

16 de xullo de 2021 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.